Griezmann remata co soño copeiro do Deportivo (0-1)
Unha xenialidade do galo chégalles aos madrileños para accederen aos cuartos de final
Boa imaxe do equipo coruñés, que competiu ata o final ante un Atleti que rematou pedindo a hora
O Deportivo quedou eliminado da Copa do Rei despois de caer en Riazor ante o Atlético de Madrid, 0–1, nun choque onde en ningún momento lle perdeu a cara ao partido e onde unha espectacular falta directa lanzada por Antoine Griezmann foi suficiente para rematar coas aspiracións copeiras dos herculinos. Agora o equipo deportivista centrarase no seu grande obxectivo da temporada que é acadar o ascenso a primeira división.
Hidalgo optou por un once onde mesturaba titulares e suplentes e sorprendía a ausencia no mesmo de Yeremay Hernández ante un equipo madrileño onde Simeone rotaba na portería e presentaba unha aliñación perfectamente recoñecible. Na primeira metade o equipo herculino deu a cara. Certo é que Ruggeri e Griezmann atopáronse cos paus da portería de Parreño pero os coruñeses foron un bloque difícil de atacar e gozaron dunha boa ocasión nunha cacholada de Zaka.
No inicio da segunda metade foi Cristian Herrera quen estivo a piques de sorprender a Musso. Eran os mellores minutos do Dépor, pero apareceu unha xenialidade de Griezmann para poñer por diante os seus. O galo metía na escuadra esquerda de Parreño un libre directo botado desde a frontal de forma maxistral. Hidalgo movía ficha e metía no terreo de xogo a Yeremay e o canteirán Noe Carrillo.
O Dépor entregouse sobre a area atlética, pero con máis corazón que cabeza. Moitos achegamentos con poucos remates que acabaran en disparo sobre a portería de Musso. Simeone meteu a Gimenez no campo para pechar o partido cunha defensa de cinco que certificara o pase ós cuartos de final da Copa.