O CSIC traballa para que Galicia recupere o seu pasado de terra de oliveiras
Ata o século XVII houbo amplas extensións de oliveiras en Galicia
Os investigadores do CSIC identificaron variedades autóctonas e únicas no mundo
O obxectivo final é volver a plantalas como medio de vida para o rural
En Galicia houbo extensións moi grandes de oliveiras ata o século dezasete, sobre todo para autoconsumo e como obxecto de troco.
"Segundo datos históricos e algunhas referencias, parece que o conde duque de Olivares gravou cada oliveira cun imposto e a xente o que fixo foi abandonalas", conta a investigadora científica do CSIC Carmen Martínez.
O CSIC, concretamente a Misión Biolóxica de Galicia, que está en Salcedo, en Pontevedra, descubriu o pasado galego de oliveirais tras un percorrido por toda Galicia, coa axuda do boca orella.
"Percorremos bosques cheos de carballos, castiñeiros, érbedos, e cando os rozaban vías no medio oliveiras centenarias e dábaste de conta de que tiña a estrutura dun antigo oliveiral", explica Carmen Martínez.
Os investigadores identificaron variedades autóctonas e únicas no mundo, que ademais dan un aceite moi especial.
"Cando me preguntan a que sabe, pois sabe a Galicia. É un aceite moi aromático, vexetal, bastante suave", describe a investigadora.
O obxectivo final do proxecto é que se volvan plantar oliveiras autóctonas e que sexan un medio de vida para o rural.
"O que facemos é transferir plantas desas variedades a viveiros de aquí, de Galicia, para que eles poidan vendérllelas aos agricultores ou aos propietarios de terreos que estean interesados, que hai moitísimos. Hai lista de espera de dous anos", relata Carmen Martínez.
O grupo que dirixe Carmen Martínez tamén identificou en Asturias a primeira rosa española con uso na industria do perfume e non deixa de estudar as vides galegas, actualmente sobre todo para facelas fortes fronte ás pragas co propósito de reducir o uso de insecticidas.