Publicador de contidos

Publicador de contidos

O cruceiro afectado por un gromo de gastroenterite fará escala este sábado na Coruña

O cruceiro afectado por un gromo de gastroenterite fará escala este sábado na Coruña

Está previsto que o Ambition chegue á cidade herculina, procedente de Bordeos, ás 10:30 horas e saia cara a Xixón sobre as 20:00 horas

A bordo hai 30 casos activos

Sanidade Exterior inspeccionará o barco e determinará se é posible o desembarque

O buque atracado no porto de Bordeos. Reuters. O buque atracado no porto de Bordeos. Reuters.
G24.gal 15/05/2026 16:07

O cruceiro Ambition, afectado por un gromo de gastroenterite atracará este sábado no porto da Coruña con trinta casos activos a bordo. Fontes de Portos indicaron que está prevista a chegada da embarcación este sábado 16 de maio, despois partirá a Xixón. O Ambition, procedente das illas Shetland, no Reino Unido, recalou en Belfast, Liverpool e Brest antes de facelo en Bordeos.

Foi nesa cidade do suroeste de Francia, cando se ratificou a morte dun home británico duns 90 anos de idade por gastroenterite, un feito que coincidiu coa aparición de casos de vómitos e diarrea entre unhas cincuenta persoas no barco. O brote de norovirus obrigou a confinar ás 1.750 persoas que viaxan no cruceiro, que xa saíu da localidade francesa de Bordeos.

Estaba previsto que fixese escala en Ferrol, pero foi cancelada, e finalmente atracará este sábado na Coruña ás 10.30 horas. O barco chega con 30 casos activos de gastroenterites e será á chegada ao porto cando se determine se a pasaxe pode desembarcar, como xa fixo en Bordeos.

Fontes da Delegación do Goberno explican que se mantivo unha reunión de coordinación coa Autoridade Portuaria da Coruña, o Concello da Coruña, a Xunta de Galicia, Capitanía Marítima, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, a consignataria do buque e a Terminal de Cruceiros.

Agregan que a entrada en augas españolas está autorizada pola Capitanía Marítima e a Autoridade Portuaria é a que autorizou a atracada. Os servizos de Sanidade Exterior, dependentes do Goberno, accederán ao buque para a súa inspección rutineira e análise da situación, tras o que determinarán se é posible o desembarque de acordo aos protocolos de seguridade e saúde pública.

A Delegación do Goberno e o resto de administracións trasladan "unha mensaxe de tranquilidade, destacando que a situación está monitorizada e que se están aplicando todas as medidas contempladas para garantir a seguridade tanto a pasaxeiros como ao persoal portuario e á poboación".

"Continuarase avaliando a evolución da situación e mantendo a coordinación entre administracións", conclúen as mesmas fontes. Ás 20 horas o barco continuará travesía cara Xixón, como estaba previsto, para continuar posteriormente con destino Bilbao.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade