O consumo de produtos pesqueiros no fogar cae un 14,5% respecto do ano pasado
O que máis baixa é o consumo de peixe fresco, cunha redución do 15,7% respecto de 2021
O consumo no fogar de produtos da pesca caeu un 14,5% este ano, segundo os datos do Ministerio de Agricultura. Ben porque recuperamos o ritmo de vida tras a pandemia, ben pola suba de prezos, o que máis baixou é o consumo de peixe fresco.
Segundo Joan Riera, investigador de mercados, os datos de consumo de peixe caeron respecto de 2021 e 2020, que foron "anos atípicos" porque "a xente estaba moito na casa", pero tamén comparado con 2019 "estamos algo por baixo en quilos".
O consumo de peixe fresco per cápita está nos oito quilos e medio este ano, cando o ano pasado pasaba dos dez. O que si aumentou foi o prezo medio por quilo e, segundo Riera, hai medo a gastar.
E non é só que compremos menos peixe, senón que tamén imos menos á peixería: "A xente o que está facendo é ir buscar estes produtos ao supermercado, e van buscando prezo" explica Riera. Cre que iso afecta dalgunha maneira tamén o sector, porque a oferta que hai nas grandes superficies "adoita ser algo máis reducida que a que temos nun especialista".
Con todo, seguimos mercando moito máis peixe fresco ca conxelado. E nos dous mercados, as preferidas seguen sendo pescadas e cariocas, malia que este ano tamén caeu un 11% o seu consumo nos fogares.