Román Rodríguez: "Traballamos nunha volta ás aulas o máis normal posible"
O conselleiro de Educación valora o acordo sobre as corentenas pero lamenta que chegue tarde
Garante a substitución das baixas do profesorado que, agoira, van medrar a partir do luns
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, asegura nunha entrevista no Galicia por Diante fin de semana da Radio Galega que a Xunta traballa por unha volta ás aulas "o máis normal posible" nunha situación "excepcional".
A dous días de retomar o curso escolar, saúda o acordo da comisión de saúde pública que fixa os criterios para a xestión de positivos nas aulas nos ciclos de primaria e infantil e o establecemento de corententas.
Román Rodríguez lamenta que non se fixera con máis marxe de tempo para comunicarllo á comunidade educativa e indica que transmitirán os novos parámetros de inmediato.
"É bo que haxa un marco definitorio que nos posibilite no eido educativo adoptar medidas e saber o que temos que facer para dar resposta aos casos e a todas as problemáticas que xorden e van xurdir na xestión de caos de persoas afectadas pola covid. Gustaríanos telo tido algúns días antes para poder informar os diferentes estamentos da comunidade educativa. Pero imos facelo de xeito inmediato".
O conselleiro de Educación sostén que os cambios na xestión dos casos positivos nas aulas obedece a que estamos nunha sexta vaga, diferente no seu comportamento.
"Estamos traballando para que o retorno ao curso escolar sexa o máis normal posible dentro dunha situación tremendamente excepcional".
Román Rodríguez agoira que o número de casos activos entre a comunidade educativa aumente á luz do comportamento do Nadal do ano pasado. Tamén prognostica un aumento das baixas entre o profesorado, de feito xa superaban os 300, segundo os seus últimos datos.
En todo caso, o conselleiro destaca o compromiso da Xunta de substituír esas baixas para que o curso comece con normalidade.