O Concello de Vilagarcía estuda reducir o consumo na Festa da Auga
A situación de seca motiva a decisión dunha medida que non afectará o evento
Tras dous anos sen poder celebrarse pola pandemia, este ano haberá Festa da Auga en Vilagarcía, pero a seca actual podería obrigar a certas restricións no seu consumo.
Polo momento o Concello de Vilagarcía non tomou ningunha decisión concreta e agardará tamén a evolución dos acontecementos ata a data da festa, para que aínda falta case un mes. Pero si que avanzaron que se reducirá o consumo utilizando, por exemplo, mangueiras que boten menos cantidade de auga ou durante menos tempo, ou tamén se podería prescindir dalgún camión.
Subliñan que as iniciativas individuais non son tan produtivas neste sentido e lembran que durante a seca de 2017 as distintas administracións xa traballaron nun plan conxunto para minimizar o consumo que podería ser interesante poñer en funcionamento de novo.
A maioría da veciñanza entende as motivacións ambientais da medida e pensan que a festa se vai gozar do mesmo xeito.