Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Concello de Valencia medirá durante un mes as consecuencias de traballar 4 días á semana

O Concello de Valencia medirá durante un mes as consecuencias de traballar 4 días á semana

O proxecto trata de medir os efectos no consumo, o medio ambiente, a saúde ou o benestar

O alcade de Valencia, Joan Ribó, presenta o proxecto de xornada laboral de catro días (EFE/Manuel Bruque) O alcade de Valencia, Joan Ribó, presenta o proxecto de xornada laboral de catro días (EFE/Manuel Bruque)
G24.gal 10/03/2023 13:41

A cidade de Valencia desenvolverá entre o 10 de abril e o 5 de maio un proxecto piloto no que se analizarán as consecuencias persoais, económicas ou ambientais, entre outras, da aplicación dunha xornada laboral de 4 días, ao ser festivos os luns 10, 17 e 24 de abril e 1 de maio.

O obxectivo desta proba, e do posterior estudo que se desenvolverá sobre a mesma, é, segundo apuntou o alcalde, Joan Ribó, comprobar se esta redución da semana laboral é beneficiosa sobre para a percepción persoal da saúde, o medio ambiente ou mesmo a produtividade.

"Non se trata dun programa de redución de xornada", quixo aclarar o alcalde, "porque iso non é competencia do Concello, senón de patronais e sindicatos. Trátase de facer unha proba, unha experiencia, un exercicio de innovación, que moitas veces non consiste unicamente en inventar cacharros para facer negocio".

Ribó mostrouse convencido de que Valencia será a primeira cidade do mundo que experimente este cambio durante un mes.

Prevese que durante abril e maio se recompilen os datos necesarios, que inclúen entrevistas persoais, e que os resultados finais sexan presentados en xullo.

Durante estas catro semanas analizarase se se constata unha redución das emisións contaminantes, se se reducen os consumos de electricidade ou gas, os accidentes de tráfico ou se se produce un incremento no uso do transporte público ou a bicicleta.

Desde o punto de vista das persoas, realizaranse enquisas a unha mostra da poboación valenciana para saber en que se usou o tempo extra, se fixo máis deporte, leu máis, se aproveitou para realizar actividades culturais ou tarefas domésticas e como variou a percepción persoal sobre a saúde, os niveis de tensión ou o sono.

No apartado ambiental, medirase a calidade do aire e os niveis de ruído, os consumos enerxéticos en domicilios e empresas, o comportamento do tráfico ou se se modifica a elección de produtos na cesta da compra.

Tamén se avaliará como se comporta o comercio en diferentes sectores, dado que se prevén incrementos da actividade da hostalería e unha maior ocupación dos establecementos de turismo de interior.

"Vimos que o mundo vai neste sentido. En Lituania trabállase xa 4 días na administración pública; no Reino Unido multitude de empresas reduciron un 20 % as horas de traballo mantendo a produtividade e con importantes descensos das baixas por enfermidade; en Nova Zelandia trabállase catro días nas empresas financeiras e mesmo en Alemaña o sindicato máis importante asinou un convenio para que a semana laboral sexa de 28 horas", destacou Ribó, que citou outros exemplos en Suecia, Islandia e Portugal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade