O Concello de Pontevedra multa un home por encher de anuncios os farois dunha rúa
A Policía Local empregou unha pequena argucia para identificar o infractor: fíxose pasar por un cliente
O responsable dos anuncios enfróntase a unha sanción que pode acadar os 750 euros
Poñer anuncios ou carteis no mobiliario urbano, ademais de ser un acto incívico, é unha infracción que supón pena económica. O Concello de Pontevedra acaba de sancionar un home que empapelou os farois dunha rúa do centro. A Policía Local empregou unha pequena trampa para identificalo. Exponse a unha multa de ata 750 euros.
De xeito reiterado, os farois da rúa Echegaray e arredores aparecían cheos de anuncios dun servizo de recollida de útiles, un feito que prohibe a ordenanza de residuos. A Policía Local decidiu actuar para denunciar o infractor. Como pola vía oficial non antendía as chamadas, os axentes cambiaron de táctica. Fixéronse pasar por clientes.
"Montou un operativo en que se fixo pasar un dos axentes por un cliente. Entón aí sí respondeu e concertou unha cita. E presentouse no lugar esta persoa", conta Xaquín Moreda, concelleiro de Servizos Básicos Urbanos de Pontevedra.
Malia acudir á cita, o home negaba ser o responsable de colocar os anuncios. Pero a mentira duroulle pouco.
"Dixo que non era el, pero, claro, chamárono por teléfono no mesmo intre e comezou a soarlle o móbil no peto. Daquela, identificárono e iniciaron o procedemento administrativo", relata o concelleiro.
A ordenanza aprobada o ano pasado prevé multas de ata 750 euros por emporcar o mobiliario público. O Concello apela á conciencia cidadá porque a limpeza dos espazos públicos custa moito diñeiro.
"Só para quitar os carteis pegados con celo, en que hai unha tira co teléfono que podes arrincar, ou adhesivos, etc., limpar todo iso en poucas rúas custou 36.000 euros", asegura o concelleiro de Servizo Urbanos.
Esta é a primeira deste ano, durante o 2025 o Concello impuxo 115 multas por ensuciar o mobiliario urbano.