A CSAG impulsa unha publicidade con identidade propia: "Mellor á Galega"
Televisión de Galicia reuniu o sector publicitario e as marcas para presentarlles a súa nova estratexia comercial
A canle amplía e revaloriza a oferta publicitaria con novos formatos e solucións
Reforzar a conexión emocional co público é o obxectivo da campaña lanzada este xoves nun acto celebrado en Santiago de Compostela
“Mellor á Galega” é o claim da campaña dos medios públicos galegos que conecta marcas e emoción, e coa que este xoves a CSAG presentou a súa nova estratexia comercial ao sector publicitario.
Preto de 200 representantes das principais marcas e axencias de publicidade de Galicia acudiron ao acto, no que a Corporación expuso o plan de renovación comercial co que culmina a transformación dixital da Televisión de Galicia.
O novo ecosistema dixital no que xa están plenamente asentados os medios galegos a través das súas plataformas -AGalega.gal, AGalegaAudio.gal e Xabarín.gal- fai que sexa necesaria tamén unha política comercial global, pero sen perder a esencia do noso, e de aí nace a idea da campaña. Os anuncios na Galega duran para sempre, así que “Mellor á Galega”.
A Corporación non so renova a súa tecnoloxía e a grella, senón que quere ir tamén máis aló e impulsar unha relación máis colaborativa co sector comercial, ampliando e revalorizando a oferta publicitaria con novos formatos e solucións adaptadas ás necesidades do mercado actual.
Na súa intervención, Concha Pombo, directora xeral da CSAG, destacou que “a nova identidade multiplataforma da Corporación, adaptada ao actual contexto audiovisual, obríganos a apostar por un enfoque máis innovador e transversal. É fundamental poñer en valor o talento e a calidade dos nosos contidos como unha ferramenta eficaz de prescrición para os nosos anunciantes”.
Anuncios e campañas das marcas, “Mellor á Galega”
No vídeo de presentación, algúns dos rostros máis recoñecidos da canle evocaron momentos memorables dos 40 anos de historia da Corporación e convidaron a marcas e anunciantes a apostar por anunciarse “Mellor á Galega”, reforzando así a conexión emocional co público e co territorio.
Preto de 200 representantes das principais marcas e axencias de publicidade de Galicia acudiron ao acto
A campaña apela ao sentimento de pertenza, á memoria colectiva e á perdurabilidade dos contidos máis emblemáticos dos medios públicos galegos, que “duran para sempre”.
Nos próximos días unha campaña exterior de publicidade descubrirá as frases míticas da Galega tanto dos anuncios como da programación que forman xa parte do imaxinario colectivo de Galicia.