O Concello da Coruña amplía o espazo de uso cultural da Casa Museo Picasso
O pintor malagueño residiu nesta vivenda entre 1891 e 1895, sendo un neno
Este é novo aspecto do primeiro andar da Casa Museo Picasso. Un espazo que conserva a súa estrutura orixinal, pero pensada para darlle novos usos. "O que queremos é que os creadores, os artistas e os visitantes veñan a esta casa a facer obradoiros, residencias formativas, todo tipo de actividades", indica Uxío Novoneyra Rey, xefe da área de Cultura do Concello da Coruña.
Mantense igual a vivenda, situada no segundo andar, que recrea a da familia Ruiz Picasso. Viviu aquí 1891 e 1895 sendo Pablo un neno.
"Aquí hai un roupeiro orixinal da casa. É de madeira de castiñeira. E hai unha anécdota da casa que o pequeno Pablo como estaba todo o día a pintar aquí no chan comeza a pintar a Torre de Hércules e faino coa axuda das liñas rectas deste roupeiro que eran como as da torre", explica Fernando Carballal, guía e mediador cultural.
Integradas na casa, copias das obras da época coruñesa de Picasso. Tamén hai orixinais da colección de gravados Soño e mentira de Franco, realizados en 1937, actualmente en préstamo temporal en Milán. Fernando Carballal apunta que estas obras son "unha crítica tanto ao ditador Franco como aos horrores da guerra e aos horrores que provoca no pobo unha guerra civil".
As novas instalacións, nas que o Concello da Coruña investiu preto de 130.000 euros, estréanse con obradoiros artísticos inspirados na relación entre Picasso e o seu amigo e escultor Calder.