Cesa o alto cargo da Deputación de Pontevedra por un vídeo sobre golpear nenos orfos
A institución provincial comunicou a renuncia, a petición propia, de Álvaro Rodiño, xefe de gabinete do vicepresidente Rafael Domínguez
Europa Press
Álvaro Rodiño, xefe de gabinete do vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, cesou como persoal eventual de libre designación tras a difusión dun vídeo en que chancea sobre golpear cun pau de golf nenos orfos.
No vídeo, difundido a través da rede social TikTok, Álvaro Rodiño afirmaba que "trataría de apuntar á cabeza ou a órganos vitais", movendo o pau de golf coma se en efecto dese o golpe. O propio Rodiño explicou que o vídeo, que subiu a súa muller a redes sociais, ten tres meses e forma parte dunha tendencia de humor que se fixo viral por TikTok.
A institución provincial comunicou este luns a renuncia a petición propia e no breve comunicado Domínguez agradece o seu labor nestes anos e deséxalle éxitos futuros no profesional e privado.
O presidente da Xunta e líder do PP galego, Alfonso Rueda, asegurou que se trata dunha decisión "acertada" por parte do cargo dimitido, xa que aínda que o asunto que motivou o seu cesamento era "unha broma", o certo é que "non tiña ningunha graza" e era "absolutamente inoportuna".