O grupo do PSOE rompe a disciplina de voto no Pleno da Deputación de Pontevedra
Tres deputados socialistas votaron a favor e outros seis se abstiveron na votación dun plan que achega 37 millóns de euros para proxectos en concellos con menos de 50.000 habitantes
Pleno da Deputación de Pontevedra. Europa Presss/Arquivo
O grupo socialista rompeu este venres a disciplina de voto no pleno da Deputación de Pontevedra, que aprobou a segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria (Plan Extras), un paquete de case 37 millóns de euros para financiar 57 proxectos estratéxicos en concellos con menos de 50.000 habitantes.
O voto dos socialistas dividiuse entre seis abstencións e tres votos a favor.
O Plan Extras deixou fóra dúas iniciativas presentadas polos concellos de Vilagarcía de Arousa e Cambados. No caso de Cambados, o proxecto foi rexeitado por non cumprir co orzamento mínimo requirido, mentres que a proposta de Vilagarcía non emendou a tempo diversos requirimentos técnicos.
Os populares falan de "afundimento do proxecto do PSOE"
Nun comunicado, o grupo provincial do PP sinalou que o ocorrido no pleno evidencia "o afundimento do proxecto do PSOE na provincia tras aflorar outra crise interna no Pleno da Deputación".
Segundo os populares, a ruptura de voto dos socialistas demostra "unha absoluta incoherencia", ao desmarcarse dos fondos solicitados por quince alcaldes socialistas de concellos como Silleda, Tui, Redondela, A Cañiza, Nigrán, Rodeiro, O Grove, Vilaboa, Ponte Caldelas, Caldas de Reis, Cuntis, Fornelos de Montes, Meis, Gondomar e A Illa de Arousa.
O PP defendeu que, fronte á división do PSOE, o seu partido mantén "un proxecto claro e común" para os 61 concellos da provincia e "rexido pola unidade", e cuestionou se a fractura no grupo socialista podería afectar á estabilidade política dos concellos gobernados por este partido.
O PSOE explica que os que votaron a favor foi por "coherencia institucional"
Pola súa banda, o PSOE defendeu a súa actuación e explicou que "os deputados con cargo de alcalde votaron a favor por coherencia institucional".
A portavoz do grupo provincial socialista, Laura Iglesias, asegurou que, aínda que o PSOE está de acordo co plan, decidiu dar "liberdade de voto" aos seus deputados.
De modo que, "aqueles que ostentan a alcaldía e lograron a subvención puideron expresar o seu apoio", mentres que o resto coa súa abstención, estaban a manifestar "a súa discrepancia coa actitude partidista do presidente da Deputación", unha actitude que enmarcou na "coherencia".
Non obstante, PP lembrou que os tres votos a favor, corresponderon aos alcaldes de Gondomar e Redondela e ao ex rexedor de Baiona, Carlos Gómez Prado, que está na oposición.