Publicador de contidos

Publicador de contidos

Miguel Corgos: "Tentamos non facer caixa a expensas dos galegos"

Miguel Corgos: "Tentamos non facer caixa a expensas dos galegos"

O conselleiro de Facenda defende a rebaixa do IRPF para que os galegos non paguen máis impostos

Salienta que tres de cada catro euros dos Orzamentos de 2027 destínanse a gasto social

G24.gal 25/10/2026 09:45 Última actualización 24/10/2026 21:10

O conselleiro de Facenda e Administración Pública afirma que a economía galega seguirá medrando “con solvencia” pero advirte que o fará a un ritmo menor.

Na entrevista dos domingos da Radio Galega, Miguel Corgos explicou que non se trata dun problema puntual de Galicia senón que afecta ao resto de España e tamén a Europa ,unha circunstancia que atribuiu ao conflito en Irán e á crise comercial derivada da “agresiva” política arancelaria dos Estados Unidos.

“Os nosos principais socios son os países europeos: Alemaña, Francia e o Reino Unido e, polo tanto, se eles están febles nós non vendemos tanto”.

Porén, engadiu, esta situación non afectará ao “crecemento robusto da economía galega malia que desacelere un chisquiño”.

“Galicia vai aproveitar a estabilidade e a solvencia das súas finanzas para facerlles a vida máis fácil aos galegos. Nun contexto no que os prezos están a subir, nós imos conter e rebaixar os impostos e imos asumir a maior parte do incremento do custo dos servizos públicos”.

O titular de Facenda explicou que a política fiscal da Xunta “está moi clara” e que en cada exercicio tentan buscar “esa ventá de recursos para baixar os impostos de forma sostible aos galegos”.

“O importante é manter os servizos públicos, manter os beneficios fiscais que temos ata o de agora e ver se podemos seguir xerando alivios fiscais para os galegos. Esa é a nosa folla de ruta coa que seguiremos toda a lexislatura”.

Miguel Corgos defendeu a rebaixa da tarifa do IRPF en 0,25 puntos porcentuais nos catro primeiros tramos autonómicos que inclúe o proxecto de Orzamentos para 2027. Unha medida equiparable á deflactación da Renda que consiste en axustar os tramos e as deducións tendo en conta o encarecemento da vida.

“A deflación do IRPF o que tenta é que o incremento dos prezos non nos faga pagar máis impostos polo simple efecto da inflación. É dicir, a renda dispoñible das familias non aumenta porque aínda que suban as retribucións tamén se incrementan os prezos”.

Unha medida pola que as arcas galegas deixarán de ingresar, segundo explicou, 50 millóns de euros.

“O que tentantamos é non facer caixa a expensas dos galegos e non subirlles os impostos. Esta medida o que fai é que non se recaden 50 millóns euros polo IRPF o vindeiro exercicio. Como digo, para non recadar máis a custa da inflación”.

Corgos tamén respondeu ás críticas do BNG e do PSdeG que consideran estas rebaixas cativas.

“O imposto da renda é un imposto persoal e cada un ten unhas circunstancias propias. Evidentemente os tramos máis baixos pagan menos e, en termos absolutos, van ter unha redución menor, e os tramos de renda media van ter unha redución lixeiramente superior”.

Servizos Públicos

Os Orzamentos da Xunta para o ano que vén aumentan en 918 millóns de euros, ata os 15.158 millóns, unha cifra récord. Deles, 3 de cada 4 euros destinaránse a política social.

“É o noso grande obxectivo. 11.300 millóns, que xa son máis de todo o orzamento (da Xunta) de hai uns anos, dedícanse ao gasto social e van servir para paliar os grandes problemas que teñen os cidadáns”.

O conselleiro de Facenda explicou que o Sergas contará, por primeira vez, con máis de 6 mil millóns de euros, unha partida que aumenta un  6,4%  e que pon o foco nos cribados e na vacinación.

“O mesmo acontece con Educación cuxo orzamento medra por riba da media, un 7,7%. Coidamos dos nosos profesores e dedicamos máis recursos ao funcionamento dos colexios”.

Con todo, a partida que máis aumenta é a que xestiona a Consellería de Política Social.

“Política Social será a que máis creza. Dous díxitos. Máis dun 10%  para atender mellor os que máis o precisan na nosa sociedade que son os maiores e as persoas en risco de exclusión”

Vivenda

Miguel Corgos tamén indicou que a vivenda é un dos eixes prioritarios dos orzamentos da Xunta. Segundo sinalou, a partida para contruír vivenda pública, promover chan urbanizable, fomentar a colaboración público-privada e para incentivar o alugueiro pasa dos 166 millóns aos 326.

“Nós intentamos actuar da única maneira posible. Perante un problema de falta de oferta de vivenda, aumentámola construíndo máis vivenda pública e por iso se duplican os recursos na programación que corresponde”.

Corgos tamén fixo balance das bonificacións fiscais destinadas a fomentar o alugueiro de vivendas baleiras.

“Esa dedución funcionou e xerou que unhas 500 vivendas que antes estaban baleiras pasasen a destinarse ao alugueiro”.

Con respecto ao financiamento dos concellos, o titular de Facenda explicou que a partida medra un 8,4% e que o Fondo de Cooperación local “supera, por primeira vez, os 200 millóns de euros”.

Financiamento Autonómico

O conselleiro reiterou, na Radio Galega, a súa oposición á reforma do Sistema de Financiamento Autonómico aprobado polo Goberno coa oposición da maioría das comunidades autónomas.

Segundo explicou, Galicia só aceptará un modelo que teña en conta o maior custo dos servizos públicos na nosa comunidade por mor da dispersión xeográfica e do avellentamento.

“Hai tempo fixemos unha valoración con datos do ano 2019 duns 500 millóns de euros polo maior custo derivado da dispersión e do avellentamento. Eses 500 millons son máis de 900 hoxe en día”.

Corgos tamén criticou que a pesar de que Galicia representa un 6,4% da poboación das comunidades do réxime común, só recibiría o 2,4% dos 21 mil millóns que se repartirían entre esas autonomías.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade