O Goberno trata de fixar o foco na economía e marca o obxectivo das contas de 2027
Pedro Sánchez tenta a PNV e a Junts co financiamento e a quitación da débeda e dá os primeiros pasos para sacar adiante os orzamentos do próximo ano
O Goberno busca poñer o foco na xestión e bota man das contas. O primeiro paso xa está en marcha coa publicación da orde ministerial no Boletín Oficial do Estado. As prioridades dos presupostos están definidas.
"Serán os presupostos con maior gasto social da nosa historia. Fixarán como maior prioridade o acceso á vivenda", explica o ministro de Facenda, Arcadi España.
Arrinca a maquinaria dos presupostos, pero a proba de fogo situarase no segundo semestre do ano co inicio do trámite parlamentario. O Goberno anuncia diálogo, pero terá que recompoñer o apoio dos socios de investidura.
"A lexislatura chegou á súa fin", di desde o PNV, Aitor Esteban.
"Nada que non sexa que o presidente Sánchez convoque eleccións", advirte desde Junts, Miriam Nogueras.
Pedro Sánchez tenta o PNV e a Junts.
"Temos iniciativas moi positivas tanto para Euskadi coma para Cataluña. Non só o financiamento autonómico, tamén a quitación da débeda".
O Goberno galego di que o Executivo discrimina Galicia. Cre que este anuncio é unha cortina de fume, e reclama os cartos que lle adedan á nosa comunidade.
"Investimentos importantes nas nosas infraestruturas que son competencia da administración xeral do Estado que nin se programan nin aparecen nos orzamentos, simplemente porque non hai orzamentos", asegura o Conselleiro de Facenda, Miguel Corgos.
Os últimos presupostos xerais do Estado corresponden ao ano 2023, e foron aprobados na anterior lexislatura.