Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Chaflán, coñecido bar da Coruña, celebra o seu trixésimo aniversario cunha festa ambientada nos anos 80

O Chaflán, coñecido bar da Coruña, celebra o seu trixésimo aniversario cunha festa ambientada nos anos 80

No evento van participar medio milleiro dos seus clientes fieis

G24.gal 03/10/2024 14:42

Hai xa tres décadas que Rafa Varela está á fronte do Chaflán, un pequeno bar do barrio dos Mallos, e di que foi de casualidade. "Eu daquela traballaba de informático cun familiar e estaba preparando unhas oposicións, pero xurdiu esta oportunidade...", comenta Rafa.

Oito anos despois sumóuselle Anuska que, amais, co tempo, se converteu na súa parella. "Vin un día de clienta e gustoume o camareiro. Despois comezamos a saír e aquí se necesitaba xente e decidimos que fora eu", di Anuska.

E co seu esforzo e bo facer lograron cambiarlle a fama que tiña o bar antes de chegar Rafa. "Era un bar que tiña moi mala fama". "Aquí vendíanse drogas polo miúdo, e a xente ao ver a Rafa, un rapaz novo, pensamos que seguiría co mesmo ambiente. Pero despois foron entrando e xa viron que non tiña nada que ver. E creo, ben, estou segura de que, o éxito do Chaflán é por Rafa, polo carácter que ten e por como trata á xente", engade Anuska.

"Rafa é o mellor". "Aquí hai moi bo ambiente sempre, tanto pola mañá como pola tarde...". "Sempre están cun sorriso", aseguran os clientes.

Destacan o ambiente do local, pero tamén os seus petiscos. "A tortilla, pero é que non hai sitio onde te traten mellor". E tamén a súa solidariedade. "Fixeron, por exemplo, unha campaña para que un vendedor ambulante que vén por aquí puidese ir a África ao enterro da súa nai".

E así, nestes trinta anos foron creando unha gran familia que este sábado irá de festa para celebrar o trixésimo aniversario do Chaflán. 

"Somos 500 persoas para xantar e xa non nos deixaron anotar a máis xente. Imos facer unha festa ambientada nos anos 80. Será en Palexco e alí imos pasar o día".

E botando a vista atrás, Rafa e Anuska din estar moi satisfeitos do camiño percorrido. "Moi orgullosos. Esa é a palabra: orgullosos", di Anuska.

"Eu con corenta anos xa non me vía detrás da barra, nin con cincuenta. E agora teño 55. Son moitas horas de traballo, moito trote, pero ben, ata que o corpo aguante", conclúe Rafa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos