Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Celta Fortuna leva a iniciativa, pero o Guadalaxara marcha cos puntos de Barreiro (0-1)

O Celta Fortuna leva a iniciativa, pero o Guadalaxara marcha cos puntos de Barreiro (0-1)

O filial gozou das mellores ocasións, pero un gol de Ablanque decidiu o partido no 88', cando o Guadalaxara xogaba con dez

Foto: @CanteiraCeleste
G24.gal 07/09/2025 16:07

O Celta Fortuna mereceu moito máis contra o Guadalaxara, pero marchou sen nada. Logo dunha primeira metade na que tivo as mellores ocasións, e dunha segunda cun penalti e un gol anulados, o conxunto alcarreño acabou gañando cando xogaba cun menos.

O Fortuna non acusou o cambio do seu escenario habitual, Balaídos, ás dimensións máis reducidas de Barreiro. Os de Fredi fixéronse donos do partido xa desde o inicio, cun Ángel Arcos moi incisivo desde o carril esquerdo. O canteirán protagonizou dúas ocasións case consecutivas, cunha conducción espectacular que rematou cruzado, e cun pase de Gavián que estrelou na defensa.

Despois tocoulle a Hugo González, que lanzou unha falta axustada ao pau, e despois buscou a escadra desde a frontal. Os dous tiros saíron por pouco.

O Guadalaxara so inquedou de xeito case involuntario, cun centro de Miguel Ángel Cera que se estrelou no pau de Coke.

Na segunda metade mantívose a tónica, aínda que o Fortuna non era quen de crear ocasións claras, e o Guadalaxara saía con perigo á contra. Nos últimos minutos houbo varias accións polémicas. Un penalti sobre Gavián revisouno o árbitro e acabou cambiando a súa decisión. Logo, Luis Bilbao marcaba desde dentro da área, pero o colexiado indicaba falta previa de Burcio e anulaba o tanto. Despois expulsaba a Cañizo por unha forte entrada na área viguesa.

E, cando os alcarreños xogaban con dez, foron quen de marcar e levar a vitoria. Foi nun córner ao que seguiu un barullo na área, centraba Eulate e marcaba Ablanque. Aínda acadaron un segundo gol os visitantes, pero foi anulado por posición de fóra de xogo. Primeira derrota do Fortuna na Liga, no seu primeiro encontro como local.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade