O Celta Fortuna pecha a pretemporada con dúas vitorias
Derrotou o Coruxo en Afouteza (3-1), con goles de Somuah, Sueiro e Jorge Pérez
Pola tarde venceu en Barreiro á U. D. Ourense, cos tantos de Sobral e Álvaro Marín
Dous partidos nun día afronta o Celta Fortuna na xornada máis esixente da súa pretemporada. Pola mañá, en Afouteza, tocoulle medirse co Coruxo nun interesante partido que nos deixou un auténtico golazo. Foi para o equipo do Vao e levou a sinatura de Jon Arruabarrena. Unha das incorporacións do Coruxo nesta temporada sorprendeu desde lonxe o gardameta Caio Barone.
No Celta Fortuna, o protagonismo ofensivo no primeiro tempo foi para Bernard Somuah. O ghanés tardou só dous minutos en restablecer a igualada tras o tanto do Coruxo. Minuto 16 e empate a un.
E o propio Somuah tivo opcións para conseguir algún tanto máis. A defensa do rival padeceu coa súa velocidade, aínda que as definicións non foron perfectas.
Co empate a un chegouse ao descanso, pero xa no minuto inicial do segundo tempo, tomaba vantaxe o filial. A xogada de ataque dos de Fredi foi culminada por David Sueiro. O centrocampista de Silleda rematou coa testa á rede.
O derbi vigués deixou outro gol coa mostra de rpidez de Jorge Pérez. O atacante superou por velocidade o defensa rival na disputa e definiu con tranquilidade.
Antes do final, case hai outro goleazo do Coruxo, pero a chilena de Izan González non atopou porta por ben pouco.
Co 3 a 1 rematou o ensaio matutino. Pola tarde, en Barreiro, o Celta Fortuna xogará o último partido de pretemporada. Será fronte a Unión Deportiva Ourense.