O Celta, ante o Gernika na Copa: "Como se fose contra o Barcelona"
O Celta xoga no campo do Gernika, a partido único, o pase aos dezaseisavos de final da Copa do Rei
Carvalhal vai con todo: "O máis importante é gañar, máis ca nota artística"
Volven a unha convocatoria Hugo Mallo e Solari. Tapia é baixa con molestias físcas
Carvalhal non quere sorpresas na Copa. Vai con todo. E deixa nun segundo plano que se aprecie a marca do novo adestrador. Non importa a "nota artística".
Quere gañar: "O máis importante é gañar. Imos ter un adversario que nos vai querer complicar, nun campo moi particular tamén. Así que máis que a nota artística interesa pasar a eliminatoria", asegurou o técnico bracarense.
Para adaptarse ao campo sintético do Gernika volveron esta semana á Madroa. "Se o partido fose nunha pista de balonmán ou baloncesto suporía unha gran diferenza pero é fútbol. Non hai escusas. Estamos en igualdade de condicións que o adversario e debemos demostrar mellor competencia", recoñeceu.
Pode sorprender pero esta foi a primeira rolda de prensa presencial en Afouteza e ata acudiu o presidente. Ten deberes para o mercado invernal. Carlos Carvalhal reiterou que precisa un xogador creativo: "O mercado non é fácil", admitiu. "Estamos a traballar arduamente a ver se conseguimos un xogador con velocidade e capacidade creativa".
Na convocatoria para a Copa chama a atención a ausencia de Miguel Rodríguez, bigoleador do Celta B contra o Unionistas na fin de semana. Falta Tapia por molestias físicas e regresan Hugo Mallo e Solari, despois de semanas lesionados.