Dous millóns de persoas celebran coa selección española a Copa do Mundo
O rei felicita a selección polo triunfo épico: "Gañastes para toda España"
Sánchez chama a soñar cun novo triunfo en 2030: "Non hai dúas sen tres"
Máis de 120.000 persoas en Cibeles para rematar a festa
A selección española de fútbol, campioa do Mundial tras vencer o domingo na final a Arxentina, aterrou ás 14:25 horas na terminal 4 do aeroporto de Madrid Baraxas-Adolfo Suárez procedentes de Nova York nun avión IBERIA A350.
Rodri Hernández, o capitán, foi o primeiro en baixar do avión, coa copa nas mans, acompañado polo seleccionador Luis de la Fuente e o presidente da Federación Rafael Louzán.
O seleccionador nacional, o capitán e o presidente da Federación co trofeo (Reuters)
Os integrantes da selección foron recollidos a pé de pista por un autobús serigrafado coas palabras "Parabéns, campións", no que montaron rumbo a un hotel de Madrid, onde comeron e ultimaron os preparativos dunha intensa xornada de recibimentos oficiais e festexos.
Arrancaron as celebracións coa recepción na Zarzuela
Co recibimento por parte dos reis e as súas fillas no Palacio da Zarzuela, a selección española de fútbol iniciou en Madrid as celebracións oficiais do título de campioa do mundo.
O mesmo que hai dous anos, cando os reis e as súas fillas recibiron a selección tras conquistar a Eurocopa por cuarta vez na súa historia, os flamantes campións do mundo pasaron polo salón de audiencias do Palacio Real, onde os esperaban Filipe VI, Letizia, Leonor e Sofía, estas últimas coa segunda camiseta da selección.
A expedición, encabezada polo capitán e o seleccionador, chegou con case media hora de atraso ao Palacio da Zarzuela. Antes de atoparse cos reis e as súas fillas, a selección foi homenaxeada polos traballadores da Zarzuela, que se reuniron á entrada do palacio para facerlles un corredor aos xogadores que trouxeron a Copa do Mundo a España, o segundo destes trofeos logrados por España tras o conquistado en Suráfrica 2010.
O rei felicita a selección polo triunfo épico: "Gañastes para toda España"
O rei deulle os parabéns este luns á selección española de fútbol por un triunfo épico no Mundial, unha odisea en que un equipo solidario e xeneroso, que foi unha piña, gañou o campionato con garra e aguante para toda España.
O rei eloxiou o xogo da selección, a súa técnica, o seu control e dominio do campo, combinando cabeza e corazón, armados de paciencia, sen desesperarse e sendo fieis ao seu estilo.
"Fostes piña, equipo, solidarios, xenerosos e ademais gañastes con gallardía; levades para sempre esas dúas estrelas", dixo Filipe VI, convencido de que son un conxunto estelar e lendario para a historia do fútbol español.
O rei non esqueceu que España é dobremente campioa do mundo, xa que a selección feminina gañou o Mundial de 2023.
Sánchez chama a soñar cun novo triunfo en 2030: "Non hai dúas sen tres"
Pedro Sánchez recibiu a selección española de fútbol na Moncloa, a segunda escala dos campións do mundo nesta xornada de celebración.
O presidente do Goberno agradeceu á selección española de fútbol o seu xogo, o esforzo e a vitoria e apostou por un novo triunfo no próximo campionato do mundo: "Por que non en 2030 soñar con que non hai dúas sen tres, e enriba sendo España país anfitrión do mundial".
O presidente da Federación Española de Fútbol destacou o sentimento de unión de todo un país coa súa selección. Engadiu Rafael Louzán que iso é o máis grande que se pode vivir.
Tamén moi feliz asegurou estar o balón de ouro do Mundial, o capitán da selección, Rodri, porque gañar co teu país a Copa do Mundo, segundo dixo, é o máis bonito que hai.
"A verdade é que estamos moi felices e é todo máis sinxelo cando existe unha relación de futbolistas marabillosos e exemplares", destacou De la Fuente, que eloxiou esta selección, que, dixo, é sen dúbida o mellor equipo do mundo.
"Sempre hai que seguir crendo porque ao final todo chega, con traballo", resolveu Ferran Torres sobre o gol que deu a segunda estrela a España fronte a Arxentina.
O acto celebrouse nun escenario co lema "Vamos, España" e durou preto de dez minutos, nos que os congregados vitorearon os xogadores, especialmente a Rodri, baixo un forte sol que combateron con auga.
Entre os presentes estaban a vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo Yolanda Díaz e o ministro de Xustiza Félix Bolaños.
Tras as recepcións oficiais en Zarzuela e Moncloa, os xogadores e o resto de integrantes do equipo español cambiaron os seus traxes oficiais por camisetas conmemorativas do triunfo e subiron a un autobús convertible para comezar a festexar cos cidadáns este segundo Mundial.
Dous millóns de persoas na rúa e 120.000 en Cibeles
Arredor de dous millóns de persoas botáronse ás rúas da capital para arroupar a selección española, segundo a Delegación do Goberno en Madrid, ao paso da comitiva pola cidade.
Máis de 120.000 persoas congregáronse na praza de Cibeles para rematar a festa con varias actuacións musicais desde as 19:00 horas. Os xogadores de España empezaron a facer a súa entrada ás 22:10 horas, presentados un por un.
"Estes rapaces que están aquí son a hostia, e non sei que dicir máis", declarou Rodri, quen tamén dixo que Ferran, goleador da final, foi moitas veces inxustamente criticado e hoxe é historia do fútbol español.
"Temos a sorte de contar con 26 fantásticas persoas, que ademais son os mellores do mundo. É unha honra para min. Xuntos somos máis fortes", engadiu Luis de la Fuente.
O acto central da celebración terminou preto das 23:30 horas, tras a actuación da cantante española Aitana, que interpretou a súa canción "Superestrella", que se converteu no himno non oficial da selección neste Mundial, e un recordo a María Caamaño, a moza falecida recentemente por un cancro que estivo presente na celebración da Eurocopa en 2024.
Nun ambiente de plena celebración, os xogadores bailaron, co galego Borja Iglesias de picadiscos.
Precisamente Borja converteuse nun protagonista destacado cando, facendo gala do seu bo humor, saiu cantando e animando o público como ningún outro dos seus compañeiros.
Tan animado estaba Borja que acabou facendo bailar a toda Cibeles.
G24.gal ofreceu as celebracións do Mundial, incluído o especial da TVG Galicia coa Selección, desde as 18:45 da tarde ata o final da festa, ás 23:30 da noite.
EFE