Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Carballiño celebra os éxitos do seu equipo de fútbol

O Carballiño celebra os éxitos do seu equipo de fútbol

O C. D. Arenteiro supón un revulsivo económico para a vila

Comerciantes e hostaleiros prepáranse para o "desembarco" do Atlético de Madrid, o 22 de decembro

G24.gal 21/11/2022 14:02

As reservas para o 22 de decembro, día do partido do C. D. Arenteiro contra o Atlético de Madrid, soben xa do 50 % no hotel Arenteiro, o mesmo no que o equipo seguiu a retransmisión do sorteo o mércores pasado.

"Ás cinco e cinco da tarde saíu a bola do partido C. D. Arenteiro-Atlético de Madrid, e ás cinco e cuarto xa entraron 10 reservas ao hotel, de xente que non é de Galicia", asegura Uriel Bernárdez, xerente do hotel.

O Arenteiro está nun bo momento e todos queren participar da súa sorte. "Unha ilusión para a vila, sobre todo os rapaces que practican fútbol". "O Arenteiro sempre tivo unha afección moi boa e agora estamos todos encantados", comentan dous clientes do bar Soldado, onde retransmiten os partidos do Arenteiro.

A lotaría do club para o sorteo de Nadal, que se celebra o mesmo día que o partido contra o Atlético de Madrid, esgotouse en tempo récord.

"A lotaría esgotouse toda. Nunca se vendeu tanta coma este ano, visto e non visto, porque queda un mes para o sorteo", di Carmen del Río, a dona do bar Soldado.

Pequeno comercio

Tamén voa o merchandising. O Arenteiro, insisten, sempre tivo público, unha afección entregada ao seu equipo, pero o que está pasando este ano non ten comparación. "É que nos chegan chamadas de todos os lados, México, Barcelona, Madrid, Andalucía... E todo o día", sinala Silvia Asorey, da tenda Futboleros.

Todo un fenómeno comercial que chega, ademais, na mellor época, unha das máis frouxas do ano en canto a vendas. Para rendibilizala, os comerciantes están preparando unha campaña especial coa colaboración do equipo.

Julián Garriga Crespo, presidente do Centro Comercial Aberto do Carballiño: "Unha campaña que imos facer da man do Arenteiro. Vai haber moitas sorpresas, cos xogadores. Vai ser unha campaña moi bonita"

Todo un emblema para esta vila, que xa loce a bandeira do equipo na fachada consistorial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade