O Cangas empata co poderoso Granollers e sae do descenso directo
O partido, cheo de alternativas e de grande intensidade, acabou con igualada (33-33)
Queda un punto por riba do descenso directo e a un punto da salvación
O Cangas Frigoríficos do Morrazo empatou no Gatañal ante o Granollers, terceiro clasificado da Liga Asobal (33-33). O empate sérvelles aos galegos para saíren do posto de descenso directo e quedaren a un só punto da salvación total. Agora mesmo ocuparían o posto de play out.
Tivo un bo inicio o Cangas (6-4), pero respondeu de xeito contundente o Granollers, que comezou a marcar diferenzas importantes cara ao minuto 20 (11-15). Tivo unha máxima de cinco goles (12-17), pero reaccionou o Cangas cun 4-0 que lle permitiu chegar con vida ao descanso.
Na segunda metade volveu marchar de catro o Granollers (17-21). Levado polo seu público e por un sensacional Gayo, o Cangas conseguiu igualar o marcador (24-24) e encamiñouse cara a un final agónico. O Granollers deu unha tirada (28-30), e no mellor momento do partido para os do Morrazo déronlle a volta (32-30). O treito final repartiu acertos e erros e o partido acabou en empate logo de que Jenilson fallase un lanzamento a catro segundos do final.