O Cangas cae na pista do Vila de Aranda (28-25)
Os de Quique Domínguez apañan a cuarta derrota consecutiva na Liga
O Cangas perdeu na pista do Vila de Aranda nun partido igualado, en que os galegos foron quen de recuperarse ás vantaxes locais, pero non estiveron atinados no momento decisivo.
O Cangas, que tiña a tiro de dous puntos ao seu rival antes do encontro, comezou mellor, e tivo as primeiras vantaxes no marcador. Foron mínimas ata un parcial de 0-3 que os puxo con vantaxe de tres tantos antes do minuto 10. Pero era un encontro de alternativas, e o VIla de Aranda volveu equilibrar o marcador.
Outra vez se adiantou o Cangas por tres goles, pero chegou o momento chave do partido cun 6-0 a prol dos locais, cunha seca goleadora dos cangueses que so puido interromper Juan Rodríguez. Coa vantaxe de 5 goles para o Vila de Aranda chegouse ao descanso (18-13).
Na segunda metade chegou a reacción do Frigoríficos do Morrazo, cun 0-5 de saída que volvía igualar, con máis de 12 minutos de seca local. Comezaba outro encontro, e aí foi o Vila de Aranda o que levou a iniciativa no marcador. O Cangas xa non foi quen de recuperar a igualada e acabou cedendo por 28 a 25, resultado que os mantén na penúltima praza con so catro puntos. No apartado goleador destacaron Rivero, con 5 goles, e Santi López, que anotou os catro lanzamentos que intentou.