O Cangas acariña a permanencia na Asobal logo da vitoria sobre o Guadalaxara
Gañou un partido fundamental (32-23) contra un rival directo e sácalle catro puntos ao posto de play out con tres partidos por xogar
Cunha homenaxe aos xornalistas que cobren a información do Gatañal, entre eles Chicho Moldes, da TVG, e Andrés Rivas, da Radio Galega, comezou o encontro no que o Frigoríficos do Morrazo deixou practicamente pechada a permanencia. O Cangas foi sempre por diante no marcador ante o Guadalaxara, ó que lle custou entrar no partido. Ao descanso, o Frigoríficos chegaba dous arriba, 14-12.
No comezo da segunda metade os visitantes apertaron e chegaron a poñerse a un gol, pero nos últimos dez minutos o Cangas arrancou e xa non deu tregua, liderado por un atinado Santi López. Con este 32-23 final os cangueses gañan o gol average particular cun rival directo e dan un paso xigante cara á salvación con catro puntos sobre o descenso.