Publicador de contidos

Publicador de contidos

O campanario da igrexa compostelá de Bando, sen arranxar un ano despois de que o tirara un raio

O campanario da igrexa compostelá de Bando, sen arranxar un ano despois de que o tirara un raio

Caeu nunha tormenta eléctrica que deixara 5.800 raios en Galicia, en decembro de 2024

Os trámites para reconstruílo son lentos, e a veciñanza di que bota de menos as campás na parroquia

Igrexa de Santa Eulalia de Bando, en Santiago, co campanario aínda sen reconstruír
G24.gal 19/01/2026 14:02

Foi en decembro de 2024, durante unha tormenta eléctrica que descargou milleiros de raios en toda Galicia. Un deles impactou no campanario de Santa Eulalia de Bando, e botouno abaixo. 

"Escoitei dende a casa un ruído grandísimo, un estalo fortísimo, e debeu ser daquela cando caeu o raio aquí" lembra Elena Andrade, veciña de Bando. "Estaba todo cheo de pedras, de tellas e de todo", di. "E foi sorte que non nos colleu a nós aquí -di outra veciña, Maruja Rodríguez- porque saímos da misa ás 11 e algo, e foi sobre as dúas, puido ser un desastre".

O desastre puido ser maiúsculo, pero por sorte non houbo danos persoais. O suceso collera o párroco de vacacións, e daquel día lembra o susto que levou cando lle deron a noticia: "Foi como unha bomba, porque primeiro dixéronme que caera a igrexa", lembra Afonso Joaquín Samba. Logo xa foi descubrindo o alcance real dos danos: "Estaban as campás afectadas, o tellado estragado e a igrexa quedou sen luz eléctrica".

Os danos eléctricos e os que deixara no tellado xa se repararon, pero a rehabilitación do campanario vai máis amodo. Por fin retiraron as campás, que ata hai pouco aínda colgaban malamente nos restos das torres. A pedra que caeu está almacenada e numerada, para tentar reconstruílas tal cal eran. 

"É un traballo realmente complexo, porque hai que axustalas ben, poñelas tal e como estaban -explica o párroco-. Está levando tempo pero que vai adiante, este ano mesmo confío en que estea listo". E xa lles tarda na parroquia, porque este ano sen campás botáronas moito de menos. 

"As campás tocan cando hai unha defunción, ou cando hai un aniversario -explica Maruja- así que agora a xente non se decata, ao non haber campás". Di que na parroquia "non hai enfado" porque entenden que os tempos son lentos, pero que "vai medrando a impaciencia".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade