O Camiño Portugués da Costa foi ruta de peregrinación para case 90.000 persoas en 2025
Medrou un 20 % con respecto ao ano anterior e destacou por unha estadía máis longa dos camiñantes nas cidades de paso e unha maior porcentaxe de estranxeiros
Hai unha década, o 70 por cento dos peregrinos chegaban a Santiago polo Camiño Francés, pero nestes últimos houbo un proceso de desconcentración. Os responsables da Dirección de Turismo presentaron este luns en Vigo os mellores resultados da historia do Camiño Portugués da Costa, que medrou 13 puntos máis ca a media, pasando de 70.000 mil a case 90.000 peregrinos en 2025.
"Máis da metade son estranxeiros: 11.000 son de EUA, 9.500 alemáns... Quedan en hoteis, probando a nosa gastronomía" destacou Ana Ortiz, a Delegada da Xunta en Vigo
"Todos os camiños medran, un 7 %. E seláronse 530.000 compostelas. Pero as nosas medicións din que por cada peregrino que sela hai 1,7 en total, co cal estariamos falando duns 700.000 peregrinos en 2025", subliñou Xosé Merelles, o director de Turismo de Galicia.
No caso do Camiño Portugués, sae unha media de 250 ao día. O novo albergue do Berbés ten 90 prazas e o resto dos camiñantes fan uso da hostalería da cidade.