Nace unha axencia de peregrinos que dá servizo a todos os camiños de Santiago
Ofrecen calquera servizo que o peregrino precise, desde levar mochilas ata deseñar un Camiño para nenos
Hai moitos tipos de peregrinos. Os máis novos fan eles as rutas e arríscanse a durmir en calquera lugar. Pero existe outro tipo de peregrino: o que quere levar todo organizado, o que vén con nenos e quere que se lles deseñen treitos máis pequenos ou o que quere que lle porten as maletas. Para eles naceu hai un mes unha empresa que lles axuda a xestionar todo o relacionado coa ruta.
Pablo e Andrea viven en Redondela, unha vila en que conflúen o Camiño Portugués pola costa e polo interior e iso inspirounos a crear a empresa caminogalicia.pt para dar servizo ás necesidades deste turismo cada vez maior.
En localidades como esta en temporada alta, o primeiro problema é atopar aloxamento, aínda que haxa preto dunha ducia de albergues.
Organizan un Camiño premium en hoteis por entre 400 e 600 euros, pero o que máis lles contratan é o Camiño clásico en albergues ou rutas con etapas máis curtas para poder facelas con cativos.
A empresa naceu hai un mes e xa tivo unha vintena de clientes. Os servizos irán medrando segundo os viaxeiros o soliciten. Unha das grandes novidades é a variante espiritual que é un Camiño por mar, igual que segundo a tradición fixo o corpo do Apóstolo para chegar a Compostela.