O cable roto do funicular en Lisboa non cumpría a normativa para o transporte de persoas
A propietaria do funicular accidentado, que deixou 16 mortos, di que descoñecía fallos en mantemento

O accidente do funicular de Glória en Lisboa, en que 16 persoas morreron o pasado 3 de setembro, produciuse pola rotura dun cable que non cumpría coa normativa para o transporte de persoas nin cos requisitos da propia empresa de transporte urbano.
Así o sinala o informe preliminar do Gabinete de Prevención e Investigación de Accidentes de Aeronaves e Accidentes Ferroviarios (GPIAAF), organismo gobernamental encargado do caso.
No documento non se establecen os motivos exactos da rotura do cable, que se atopaba por baixo dos raís entre as dúas cabinas do funicular e rompeu despois de 337 días de uso, pero si que se apuntan unha serie irregularidades.
Segundo o GPIAAF, o cable instalado non estaba conforme ás especificacións da empresa que o xestionaba, Companhia Carris de Ferro de Lisboa (CCFL), para o uso no Ascensor de Glória, como tamén se coñecía o funicular.
Tampouco estaba certificado para a súa utilización en instalacións de transporte de persoas.
Outra anormalidade que os técnicos apuntan no texto é que o cable non era apto para ser usado con pivotes nos seus extremos, como era o caso no funicular de Glória e no de Lavra, outro ascensor turístico da cidade.
A Companhia Carris de Ferro de Lisboa (CCFL) afirmou este luns que non tiña coñecemento de ningún incumprimento na manutención do funicular de Glória, que o 3 de setembro provocou a morte de 16 persoas, e informou de que despediu o director de mantemento, tras un informe preliminar que sinala varios fallos técnicos.