O Parlamento de Portugal aproba prohibir o uso do burca e o niqab en espazos públicos
A iniciativa, proposta polo partido de extrema dereita CHEGA, aprobouse grazas ao apoio dos partidos conservadores da cámara

O Parlamento de Portugal deu o primeiro paso para aprobar un proxecto de lei que prohibe o uso do burca e o niqab en espazos públicos.
A iniciativa, proposta polo partido de extrema dereita CHEGA, aprobouse grazas ao apoio dos partidos conservadores da cámara. O proxecto recibiu o voto en contra dos partidos de esquerda, que a consideran un acto de xenofobia.
O obxectivo da lei, segundo os seus promotores, céntrase en cuestións de seguridade pública e na defensa da dignidade e igualdade das mulleres, argumentando que ningunha muller debería ser obrigada a ocultar o seu rostro.
A normativa establece a prohibición en lugares abertos ao público e prevé multas que oscilan entre os 200 e os 4.000 euros para as infraccións, con sancións máis severas para quen force a outra persoa a ocultar o seu rostro, incluíndo penas de prisión de ata tres anos.
A comunidade musulmá en Portugal di comprender a medida se xenuinamente é para evitar problemas de seguridade, pero poñen a atención en que se trata dun costume moi arraigado e pode provocar a marcha de poboación musulmana ou, sinxelamente, que as mulleres non saian da casa.
A pesar da aprobación parlamentaria inicial, a lei aínda debe pasar por unha votación final global e pode ser vetada polo Presidente da República ou enviada ao Tribunal Constitucional para a súa revisión. Con esta decisión, Portugal úniríase a outros países europeos coma Francia, Austria ou os Países baixos.