O expresidente de Kosovo, condenado a 25 anos por crimes de guerra
Os xuíces consideran a Hashim Thaci, de 58 anos, responsable do asasinato de 96 opositores durante a guerra
Outros tres exdirixentes do UCK foron condenados por formar parte dunha empresa criminal conxunta da que foron vítimas máis de 300 persoas
Reuters
O Tribunal Especial para Kosovo (TEK) condenou este mércores o expresidente kosovar Hashim Thaci a 25 anos de prisión por catro crimes de guerra -detención arbitraria, trato cruel, tortura e asasinato- cometidos durante a guerra, entre 1998 e 1999. Canda el foron condenados a diferentes penas de cárcere outros tres exdirixentes do Exército de Liberación de Kosovo (UCK).
A Sala declarou a Thaci, de 58 anos, culpable pola súa contribución a "unha empresa criminal conxunta" dirixida contra persoas consideradas opositoras ao UCK, do que foi un dos seus principais dirixentes, e absolveuno dos seis cargos de crimes de lesa humanidade que afrontaba.
Mentres o presidente da sala, o xuíz Charles Smith, lía a sentenza, o propio Thaci escoitou os detalles da condena cuns auriculares, de pé, cun aspecto serio, e vestido cun traxe azul escuro, camisa branca e unha gravata morada.
A uns poucos quilómetros do TEK, centos de kosovares concentráronse para mostrar o seu apoio a Thaci.
Un propósito criminal común contra os opositores do UCK
Os xuíces conclúen que Thaci, xunto cos tamén condenados hoxe Kadri Veseli (18 anos), Rexhep Selimi (13 anos) e Jakup Krasniqi (25 anos), compartiron "un propósito criminal común" e contribuíron significativamente a un plan para atacar, deter e maltratar persoas consideradas obstáculos para os obxectivos do UCK e, “se era necesario, matalas”.
En concreto, os xuíces consideraron a Thaci penalmente responsable da detención arbitraria de polo menos 385 persoas, o trato cruel de 49, a tortura de 303 e o asasinato de 96 persoas.
A Sala impúxolle a Thaci penas individuais de 15 anos por detención ilegal ou arbitraria, 4 por trato cruel, 20 por tortura e 23 por asasinato, que se traduciron ao final nunha pena única de 25 anos de prisión, da que se descontará o tempo que leva en detención desde finais de 2020.
Ademais, subliñou que non foron os obxectivos de lograr a independencia de Kosovo e establecer un control político e institucional os que fixeron criminais os seus actos, senón “os medios mediante os que trataron de alcanzalos”.
Segundo os xuíces, o plan foi aplicado "sistemática e desapiadadamente" nas zonas controladas polo UCK durante o conflito e os catro acusados contribuíron a el, alentárono e facilitaron a súa execución.