Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Fiscalía investiga por primeira vez a morte de miles de españois en Mauthausen

A Fiscalía investiga por primeira vez a morte de miles de españois en Mauthausen

A Fiscalía de Memoria Democrática indaga se houbo unha estratexia conxunta entre o réxime franquista e o nazi para a detención de exiliados españois en Francia e o seu traslado a campos de exterminio

Prisioneiros en Mauthausen en maio de 1945 (Europa Press/Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica) Prisioneiros en Mauthausen en maio de 1945 (Europa Press/Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica)
G24.gal 05/05/2025 10:34

A Fiscalía de Memoria Democrática abriu por primeira vez unha investigación para esclarecer as responsabilidades e a existencia dunha posible estratexia conxunta entre a ditadura de Francisco Franco e o réxime nazi na detención e traslado de miles de españois a campos de exterminio nazis.

No 80 aniversario da liberación dos campos de Mauthausen e Gusen, situados en Austria, o 5 de maio de 1945, a fiscal de Sala de Dereitos Humanos e Memoria Democrática, Dolores Delgado, incoou estas dilixencias de investigación, en cumprimento da Lei de Memoria Democrática.

Segundo explica o Ministerio Público este luns, día de homenaxe aos españois deportados e falecidos nos campos de concentración nazis e a todas as vítimas do nazismo de España, a investigación abarcará o arresto e traslado de miles de españois exiliados en Francia aos campos de Mauthausen e Gusen, onde foron sometidos a traballos forzados, tortura, desaparición e asasinato.

As pescudas buscan esclarecer estas "graves violacións do Dereito Internacional dos Dereitos Humanos e do Dereito Internacional Humanitario cometidas no contexto de crimes contra a humanidade" e tamén indagar nunha posible estratexia entre a ditadura encabezada por Francisco Franco en España e o réxime nazi.

A fiscal Dolores Delgado solicitou ao fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, liderar esta investigación tras tomar coñecemento do expediente tramitado pola maxistrada do Rexistro Civil Central para a inscrición da defunción de 4.435 españois, principalmente naqueles campos, moitos dos cales non se puideron identificar aínda.

O vindeiro domingo, 11 de maio, terá lugar o acto de conmemoración do 80 aniversario da liberación do campo de concentración e exterminio nazi de Mauthausen, no que entre 90.000 e 100.000 persoas foron asasinadas e ao que foron deportados máis de 7.000 republicanos españois. Está previsto que a cerimonia conte coa presenza dos reis.

Tras a Guerra Civil, miles de españois fuxiron a Francia, onde logo foron cualificados polas forzas nazis de ocupación de rotspanier (españois vermellos), e entre 1940 e 1945 máis de 7.000 foron deportados a Mauthausen-Gusen, unha gran parte do total de 10.000 españois que estiveron en todos os campos de concentración nazis.

Catalogados como 'inimigos políticos e 'apátridas', xa que o réxime franquista desentendeuse deles, gran parte deles morreu en campos de exterminio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade