O Breogán visita un Xirona que sumou as súas tres vitorias en Fontajau
O equipo de Luis Casimiro encadea dúas vitorias seguidas, tres nos últimos catro partidos
Volve a Liga ACB coa novena xornada de competición despois das xanelas FIBA. O Río Breogán marchou á parada cheo de confianza, despois de sumar dúas vitorias seguidas contra o UCAM Murcia e o San Pablo Burgos e colocarse no medio da clasificación con catro triunfos e catro derrotas.
Unha vitoria menos ten o Xirona de Moncho Fernández que amosa o seu poderío cando xoga no seu pavillón de Fontajau. De catro partidos como local impúxose en tres e diante de rivais tan difíciles como o Gran Canaria (85-81) e o Barcelona (96-78). Tamén lle gañou ao Granada por 82-76. Pola contra ao cadro catalán atragóanselle os partidos de fóra da casa onde só sumou derrotas.
O mes de decembro será fundamental para as aspiracións do único representante galego na ACB, cun calendario moi saturado -xoga 5 partidos- e moitos rivais directos. O do Xirona é un deses adversarios que vai estar na pelexa por tentar garantir a permanencia canto antes.