O Breogán reclama a ampliación do Pazo e lanza a campaña de abonados do seu 60 aniversario
Baixo o lema “Sentimento breoganista”, o club recupera o seu escudo orixinal e apela á súa historia
O Río Breogán presentou este mércores a súa campaña de abonados para a tempada 2026/27, un curso especialmente simbólico para a entidade celeste pola celebración do seu 60 aniversario. Baixo o lema “Sentimento breoganista”, o club recupera o seu escudo primixenio e apela á historia, a identidade e o futuro dunha afección que volverá ser clave no Pazo dos Deportes.
A presentación tivo lugar no Pavillón Municipal de Lugo, o lugar no que o Breogán deu os seus primeiros pasos, nun acto cargado de simbolismo. O club quixo vincular a nova campaña coas súas orixes, pero tamén co futuro dunha entidade que afronta a súa sexta tempada consecutiva na liga Endesa.
A presidente, Carmen Lence, lembrou que o club acumula xa máis de 20 tempadas na máxima categoría do baloncesto español.
“O Breogán non é un equipo calquera”, afirmou a presidenta.
Tamén subliñou que a campaña de abonados non é unicamente un trámite administrativo, senón unha chamada a seguir fortalecendo o vínculo entre o club e a súa afección.
Carmen Lence vinculou a nova campaña de abonados cunha reclamación que o club considera estratéxica: a ampliación do Pazo dos Deportes.
A presidenta agradeceu á Deputación de Lugo as reformas realizadas na instalación, pero advertiu de que o Breogán segue tendo lista de espera e necesita máis asentos.
Segundo defendeu, é grazas á afección que o Pazo sexa o pavillón con maior taxa de ocupación da ACB. Con todo, esa fidelidade supón tamén un límite para o crecemento da entidade.
“A realidade é que seguimos tendo lista de espera e seguen faltando asentos”, sinalou.
O director xeneral do Breogán, Salva Arco, definiu a próxima tempada como “un ano único, irrepetible” e avanzou que traerá “moitas sorpresas” para o breoganismo.
🎙️ @carmen_lence: “Hoy invitamos a todos los breoganistas a seguir escribiendo esta maravillosa historia juntos” #ForzaBreo pic.twitter.com/FuOxl4XQnG
— Río Breogán (@CBBreogan) July 1, 2026