O Breogán, primeiro equipo capaz de gañar na pista do UCAM Murcia (83-96)
Excepcional partido do equipo de Luis Casimiro que dominou de principio a fin con actuacións destacadas de Cook e Brankovic
O Río Breogán acadou a terceira vitoria da temporada na ACB nunha das pistas máis difíciles, a dun UCAM Murcia que só sabía o que era a vitoria nos partidos que xogara como local ata este partido. Gran partido do equipo de Luis Casimiro que dominou de principio a fin cunha actuación destacada de Cook (24 puntos) e Brankovic (19 puntos e 11 rebotes).
O primeiro cuarto marcou a pauta do encontro. O Breogán colleitou unha pequena diferenza que levou ata os dez puntos (15-25) xusto antes do bucinazo final. Cook e Brankovic marcaban a pauta anotadora. O equipo galego mantivo o tipo no segundo cuarto, sempre mantendo a marxe de seguridade por riba deses dez puntos e impedindo calquera achegamento do UCAM. Ao descanso o resultado era de 38-48.
O peor momento do partido chegou no terceiro período cando o equipo murciano se achegou ata os seis puntos (47-53). Volveu aparecer Cook que contou coa inestimable axuda de Francis Alonso (6 puntos neste cuarto) para entrar no último período trece arriba (66-79). O UCAM lanzouse á desesperada no último cuarto cun baloncesto rápido levado por Ennis ao que respostou con acerto o Breogán. Cook mantivo o nivel de acerto para certificar o terceiro triunfo da temporada.