O Breogán imponse ao Obradoiro no primeiro derbi da tempada (74-60)
Partido típico de pretemporada con moito desacerto polos dous equipos
O Breogán fíxose coa terceira praza no torneo EncestaRías tras derrotar o Obradoiro por 74-60 nun partido para esquecer en que os lucenses foron claramente superiores.
Tras un primeiro cuarto igualado, o Breogán marchou ao descanso con tres puntos de vantaxe, 32-29 grazas a dez puntos de Polite, máximo anotador do partido con 18.
O encontro crebou definitivamente no terceiro cuarto con dúas triplas consecutivas de Jogela que puxo os breoganistas con nove puntos de diferenza. Os intentos de Washington por recortar distancias resultaron insuficientes porque Momirov colleu o seu fusil e anotou oito puntos no segundo tempo.
A maior intensidade defensiva dos lucenses levou o Obradoiro a rematar o encontro con 26 perdas e sen opcións de meterse no partido, malia a insistencia de Moncho Fernández por reconducir a situación. A aparición final de Polite anotando cinco dos últimos sete puntos do Breogán acabaron por pechar o triunfo lucense.