O Breogán incorpora a Edgar Vicedo, cuarto reforzo da próxima tempada
O madrileño conta con ampla experiencia na ACB tras o seu paso por Estudantes, Fuenlabrada, Unicaja, Obradoiro, Tenerife e Granada
O Río Breogán anunciou este martes a fichaxe do á-pivote Edgar Vicedo, quen firma por unha tempada e procede do Hestia Menorca de Primeira FEB. O madrileño, de 204 centímetros e 31 anos, conta con ampla experiencia na ACB tras o seu paso por Estudantes, Fuenlabrada, Unicaja, Obradoiro, Tenerife e Granada.
En total disputou 299 partidos, nos que promediou 3.7 puntos e 2.2 rebotes. A pasada tempada en Primeira FEB, Vicedo asinou 8,3 puntos e 4,9 rebotes na liga regular, e 9 puntos, 4 rebotes e unha asistencia por encontro nos catro partidos do playoff de ascenso que disputou co Menorca.
“Trátase dun ala-pivote versátil que tamén pode xogar en posición de aleiro alto. Conta cunha gran envergadura física que lle permite defender a xogadores altos e achegar no rebote. Destaca polo seu coñecemento do xogo e pola súa fiabilidade no lanzamento desde o 6,75”, destacou o club no seu comunicado.
Vicedo é a cuarta incorporación do conxunto dirixido por Luis Casimiro tras o escolta-aleiro estadounidense Tevin Brown, o pivote montenegrino Aleksa Ilic e o pivote congoleño Jonathan Kasibabu.