Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Breogán desaproveita a súa renda e perde na prórroga ante Gran Canaria

O Breogán desaproveita a súa renda e perde na prórroga ante Gran Canaria

Un baixón ofensivo dos lucenses no tramo decisivo tira pola borda a súa vantaxe

G24.gal 20/04/2024 19:31 Última actualización 20/04/2024 21:44

Dolorosa derrota para un Breogán que se veu abaixo ofensivamente na segunda parte do encontro. A renda acadada polos locais non serviu para acadar a vitoria, tras estar ata case once minutos consecutivos sen anotar entre o último cuarto e a prórroga.

 A final pola salvación do C. B. Breogán (porque xa todos os partidos son finais) comezou co pé esquerdo para os lucenses. Un primeiro parcial moi negativo nos minutos iniciais do partido parecía que podería encamiñar o partido de maneira prematura para Dreamnland Gran Canaria. Non obstante, tras apertar nos últimos minutos do primeiro cuarto afrontarían o segundo cun resultado de 13-16 e moito por xogar. A partir de aquí, unha grande actuación coral do equipo, con múltiples xogadores anotando e traballando dende a defensa conseguiría que os locais pecharan o partido ao descanso cunha pequena vantaxe de cinco puntos (33-28) e un Juan Fernández como xogador mellor valorado. 

O partido non sería fácil en ningún momento e o terceiro cuarto xa marcaría unha pequena tendencia á alza dos visitantes, pero aos cales o Breogán sabería conter en primeira instancia. No último parcial o Breogán chegaría a ter unha vantaxe de dez puntos arriba a falta de cinco minutos para o final do partido, pero o Gran Canaria crecería e, no lugar de pecharse o partido, abriuse completamente cando a falta de 2:40 para o final do tempo regulamentario volvían poñerse por diante os canarios.  Última xogada co partido empatado, aclarado de Albicy que xoga unha suspensión de media distancia, excelente defensa de Sergi García e o partido foi á prórroga. 

Fóra do tempo regulamentario o engadido comezaría torto para os locais cun dous máis un para Gran Canaria e o Breogán desaproveitando a súa quenda ofensiva e concedendo un rebote ofensivo para que os visitantes se puxeran a cinco con case a metade da prórroga por se xogar. Enganchaba así unha serie de practicamente 11 minutos sen anotar o Breogán. Unha antideportiva de Sakho a falta de 1:50 parecía dinamitar as opcións dos de Mrcsic, mais ningún dos tiros libres entrou e logo a defensa dos locais foi boa e conseguiron recuperar a posesión. Sería Juan Fernández, un dos máis destacados dos locais nesta tarde, que con dúas canastras consecutivas poñería ao Breo a dous a falta de cincuenta segundos para o final da prórroga. Última posesión para o Breogán en ataque que se saldou con tiros libres para Mclemore e tres abaixo. Anotou os dous e logo o Breo non foi quen de facer falta no saque pechando o partido cunha antideportiva de Juan Fernández. Resultado final 70-77 e Mrsic expulsado por técnicas por protestar nos últimos segundos.

Con esta derrota o Breogán segue con 8 vitorias, a dúas de Xirona e Andorra, empatado con Granada e unha por riba do Obradoiro. Terá que agardar ao desenlace do resto da xornada para coñecer a súa posición real. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos