O Breogán derrota ao Joventut no Pazo (93-86) e faise coa duodécima vitoria
Logo dunha primeira metade igualada, os de Luis Casimiro foron mellores nos dous últimos cuartos
O Breogán acadou no Pazo a súa duodécima vitoria, esa que se marca como a da permanencia segura, e que lles da licenza aos de Luis Casimiro para soñar con metas maiores nos partidos que quedan. E foi contra o Joventut, un rival da zona de play off, que foi claramente superado polos galegos.
O partido comezou con igualdade, aínda que o Breogán foi mellor no primeiro cuarto. Os lugueses gozaron de lixeiras vantaxes despois do 0-5 inicial cun 2+1 de Ricky Rubio, no seu segundo encontro no Pazo 20 anos despois. Erik Quintela abría a conta local e, a partir de aí, o Breogán colleu velocidade, acabando ese primeiro parcial cun 22-19.
No segundo cuarto estivo algo mellor o equipo catalán, pero o Breogán seguía mandando no marcador (36-28, min 15). Nos últimos cinco minutos os visitantes pecharon a fenda, e unha tripla de Ricky Rubio mandaba o partido empatado ao descanso (38-38)
O terceiro cuarto comezou a marcar o desenlace do encontro, e a base de triplas, sobre todo de Andric, o Breogán colocouse por diante. Un parcial de 12-2 culminábao Dibba para pechar o cuarto cun 67-58.
O último período comezou cunha falta antideportiva a prol do Joventut, pero o Breogán non se descentrou. Chegaron os mellores minutos, e a diferenza chegou aos trece puntos que lle daban tranquilidade ao Pazo. O Joventut non era quen de reducir a diferenza, pero nos últimos dous minutos si conseguiu achegarse a 5 (88-83). Unha tripla de Mavra certificaba a duodécima vitoria, que lle da licenza para soñar con cotas maiores ca unha permanencia que xa é un feito.
O resultado final foi 93-86, cunha actuación coral comandada na anotación por Dibba e Cook, con 14 puntos. Mavra achegou 12 e Bronkovic 11.