Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Breogán vence en Burgos (94-99) e acada a permanencia virtual na Liga ACB

O Breogán vence en Burgos (94-99) e acada a permanencia virtual na Liga ACB

Nun partido moi igualado, os de Luis Casimiro decidiron no último cuarto

Os lugueses teñen once vitorias, e unha renda de catro sobre o descenso, con sete xornadas por disputarse

Foto: EFE
G24.gal 19/04/2026 19:07

O Breogán xa pode mirar cara arriba nas sete xornadas que lle faltan. En Burgos acadou a vitoria número once, que lle garante a permanencia de xeito virtual e quítalle esa presión para os últimos encontros da Liga.

O primeiro cuarto foi igualado, con alternativas no marcador e os dous equipos á busca da iniciativa. Ás vantaxes do Breogán respondía o Burgos, pero ao final deses dez minutos había un empate a 21.

O segundo cuarto foi para o Breogán, grazas a un bo parcial nos tres minutos finais, aos que se chegou con vantaxe local (38-36). Dúas canastras de Brankovic, e outras dúas de Dibba déronslle forma ao 43-50 ao descanso.

No terceiro cuarto reaccionou o Burgos, aínda que de inicio o Breogán chegaba á barreira dos dez de diferenza (47-57). Aos poucos, foi minguando esa diferenza, e o Burgos púxose por diante a falta de 4:19 (63-61). Francis Alonso colleu a responsabilidade neses minutos e, coa canastra que empataba no inicio do último cuarto, chegaba aos 20 puntos.

O partido continuaba totalmente igualado e, nese contexto, un parcial de 0-7 culminado cunha tripla de Andric obrigaba ao Burgos a parar o partido. Gañaba de 6 o cadro de Luis Casimiro, e Mavra deulle continuidade á serie con outra tripla. Chegaba o momento da verdade, e Francis Alonso meteu outra tripla para aumentar a renda a 8 e deixar media vitoria no peto.

O partido entrou no momento dos tiros libres, e aí estaba máis atinado o Breogán, pero os lugueses perderon varios balóns que os puideron meter nun gran lío, co Burgos 4 abaixo a falta de 21 segundos. Co dous tiros libres de Andric, o Breogán recuperaba a distancia de seguridade. Un tapón de Cook fixo o resto, e o equipo galego garantía unha temporada máis na elite, a falta de sete xornadas para o remate da Liga ACB. Mención aparte na importante vitoria merece Francis Alonso. O internacional pechou o choque con 25 puntos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade