O Arenteiro perde co Mérida (0-2) e asoma xa ao descenso matemático
O equipo galego pode perder a categoría na vindeira xornada, a catro do remate da Liga
Foto: @CD_Arenteiro
O Arenteiro sumou contra o Mérida a décima xornada consecutiva sen gañar. E fíxoo, ademais, cunha derrota por 0-2 diante do Mérida no Espiñedo, nun encontro en que os de Juanfran foron superados polo cadro extremeño.
O equipo ourensán segue queimando xornadas nesta temporada en que nada parece saírlle ben. No último posto, con 27 puntos, e cunha diferenza de once ata a zona de salvación o que, a falta de cinco xornadas, deixa aos de Juanfran nas mans do Ourense CF. Se na xornada vindeira esta diferenza aumenta un punto máis, o Arenteiro será xa matematicamente equipo da Segunda Federación.
Contra o Mérida, o Arenteiro acumulou unha decepción máis. E é que o partido se puxo moi costa arriba xa no minuto 4, cando Capi abriu a conta para os visitantes.
No tempo engadido desta primeira metade, Lancho ampliaba a diferenza, o que deixaba moi tocado ao Arenteiro. O equipo galego buscou o gol durante toda a segunda metade, pero non foi quen de facelo. Consumouse a sétima derrota neses dez partidos que os de Juanfran acumulan sen gañar, deixando ao equipo nesa situación límite.