O Pontevedra golea no treito final en Guadalaxara (1-4) para apuntalar o 3º posto
O cadro granate resolveu na segunda metade un partido que conseguira igualar Amigo antes do descanso
Os goles de Luisao e Resende decidiron a vitoria camiño do play off
Foto: @PontevedraCFSAD
O Pontevedra sacou adiante no Pedro Escartín un deses partidos decisivos para a consecución do obxectivo final. E ese, na xornada 33, non é outro que o de entrar nos postos que dean acceso á promoción de ascenso ao fútbol profesional.
Porque o equipo de Rubén Domínguez está arestora no terceiro posto, a cinco xornadas de que remate a Liga regular. Comezaba o encontro con esixencia, logo da vitoria de rivais directos, diante dun Guadalaxara que ocupa posto de descenso. E os granates golpearon primeiro, cun disparo axustado de Diego Gómez desde a frontal para aumentar o nerviosismo da parroquia local.
O Guadalaxara non se deu por vencido, e aproveitou a súa ocasión xusto antes do descanso, cando cazou o empate David Amigo. Tocaba buscar o segundo, e o Pontevedra dominou a segunda metade. Aos vinte minutos houbo susto, cun remate que se estrelou no poste de Marqueta. Xusto a seguir, Alain Ribeiro remataba lambendo o traveseiro.
Foi o preludio dos goles. So un minuto despois, Luisao non desaproveitaba unha contra e acadaba o segundo. E no minuto 74, Joao Resende aproveitaba outra contra, e marcaba o 1-3. Quedaba agardar polo asubío final, pero os granates non se conformaron, e Compa tamén acadou o seu gol, o oitavo da Liga, para pechar unha malleira por un a catro que lanza aos granates.
