O Breogán axeonlla na prórroga en Badalona (96-87)
Partido xogado de poder a poder que rematou con empate a 78 nos 40 minutos
O gran acerto local con catro triplas (parcial de 18-9) decidiu no tempo suplementario
O Breogán caeu na prórroga na pista do Joventut (96-87) logo de facer un gran partido e ter opcións de levarse o partido despois duns 40 minutos de loita titánica (78-78).
O partido comezou coa iniciativa do Joventut (9-5) pero cunha resposta rápida do Breogán (9-10). Houbo alternativas ata o treito final do primeiro cuarto cando unha tripla de Ventura a cinco segundos do final poñía unha máxima vantaxe de sete puntos para os locais (23-16).
A diferenza foise ata os oito puntos (28-20) a prol da Penya. O Breo, malia non funcionar o tiro exterior, empatou o encontro grazas a un parcial de 0-7 (31-31). Ata o descanso, múltiples alternativas que deixaron un equilibrio máximo co 41-40.
Esa tira puxa mantívose durante o terceiro cuarto. O Joventut chegou a ter seis de diferenza (55-49) intre no que o Breogán comezou a acertar no tiro exterior. Tres triplas seguidas (dúas de Musa e unha de Erik Quintela) déronlle a volta ao partido (55-58). Ao remate do cuarto 59-60 e o partido no aire.
No derradeiro cuarto chegou outro momento crítico para os lucenses cando quedou cravado nos 66 puntos algo que aproveitou o Joventut para poñer outra vez os 7 puntos (73-66). Quedaban tres minutos para o remate e apareceu o mellor Breogán para meter un parcial de 2-10 (75-76) con 0:05 por xogar. O baloncesto depara fortes emocións e neses últimos cinco segundos anotou Willis unha tripla (78-76) e respostou Mahalbasic no último segundo para levar o partido á prórroga (78-78).
No tempo suplementario o Joventut marcou diferenzas desde o principio grazas a un extraordinario acerto no lanzamento de tres. Catro triplas en cinco minutos e un parcial de 18-9 foron dabondo para acabar coa resistencia do Breogán.