Publicador de contidos

Publicador de contidos

Teresa Peramato promete o cargo como nova fiscal xeral do Estado

Teresa Peramato promete o cargo como nova fiscal xeral do Estado

O BOE publica o cesamento de García Ortiz e o nomeamento de Peramato

(EFE/Chema Moya) (EFE/Chema Moya)
G24.gal 10/12/2025 09:18 Última actualización 10/12/2025 11:49

Teresa Peramato Martín prometeu este mércores o seu cargo ante o rei como nova fiscal xeral do Estado, en substitución de Álvaro García Ortiz, condenado polo Tribunal Supremo a dous anos de inhabilitación por un delito de revelación de segredos, nun acto celebrado no Palacio da Zarzuela.

Unha cerimonia á que asistiron os máximos representantes dos poderes do Estado, como o presidente do Goberno Pedro Sánchez, a presidenta do Congreso Francina Armengol e a Presidenta do Tribunal Supremo e do Consello Xeral do Poder Xudicial Isabel Perelló, ademais do ministro de Xustiza Félix Bolaños, como notario maior do Reino.

Peramato prometeu o seu cargo ante un exemplar da Constitución aberto polo artigo 124 relativo ao Ministerio Fiscal despois de que este mesmo mércores o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicase o seu nomeamento nun real decreto xunto a outro que cesaba a García Ortiz agradecéndolle os servizos prestados.

"Prometo pola miña conciencia e honra cumprir fielmente as obrigacións do cargo de Fiscal Xeral do Estado con lealdade ao rei e gardar e facer gardar a Constitución como norma fundamental do Estado", prometeu Teresa Peramato (Salamanca, 1962), considerada unha das grandes impulsoras da especialización xudicial na loita contra a violencia machista.

Ao longo da súa carreira, ocupou cargos como o de fiscal delegada para a Sección de Violencia Sobre a Muller na Fiscalía Provincial de Madrid ou fiscal de Sala contra a Violencia sobre a Muller entre 2021 e 2025.

A fiscal xeral do Estado ocupa a xefatura superior e representación do Ministerio Fiscal. Un cargo nomeado e cesado polo rei, a proposta do Goberno, oído o Consello Xeral do Poder Xudicial e previa valoración da súa idoneidade pola Comisión correspondente do Congreso dos Deputados.

García Ortiz dimitiu do cargo tras ser condenado a 2 anos de inhabilitación para o cargo de fiscal xeral e a 7.200 euros por un delito de revelación de datos reservados relacionados con Alberto González Amador, parella da presidenta da Comunidade de Madrid Isabel Díaz Ayuso.

O Consello de Ministros oficializou este martes o nomeamento de Peramato, quen tras obter o apoio unánime do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) compareceu o pasado 4 de decembro na Comisión de Xustiza do Congreso dos Deputados

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade