O belén de Begonte completa a súa expansión a todo o concello con 19 esculturas de madeira
O belén de Begonte completa a súa expansión a todo o concello con 19 esculturas de madeira
O proxecto 'Anacos do belén' prevé a creación de varios itinerarios para visitar as tallas
As botas dun camiñante foron a primeira gran talla de madeira do proxecto 'Anacos do belén'. Foran instaladas ao pé do famoso nacemento electrónico de Begonte, que é a súa fonte de inspiración.
Dous anos despois, cada unha das 19 parroquias deste concello chairego xa ten a súa propia escultura, todas realizadas polo artista lucense César Lorenzana.
César Lorenzana, escultor: "Comezou aquí e son 19 tallas, unha por parroquia. Terminan en Baamonde, cunha familia. Non son as figuras típicas do belén, relixiosas, senón algo máis laico, para que veña xente de todo o mundo".
A idea partiu da asociación cultural que organiza o belén e mais do autor das tallas, en colaboración co Concello begontino. Trátase de expandir o espírito do principal símbolo deste municipio a todos os seus recunchos.
Xulio Xiz, presidente do Centro Cultural José Domínguez Guizán: "O importante do trazado escultural está feito. Agora queda potencialo como itinerario. Se se fai en coche, pode facerse dunha tirada. E se se fai a pé, haberá que establecer varias rutas".
César Lorenzana, escultor: "A ruta agora está en proxecto. Pode ser de camiñantes, a cabalo, en coche... Estamos niso".
Como ocorre co Belén de Begonte, todas as obras están relacionadas co rural galego e coa tradición da nosa terra.