Galicia e Asturias reafirman a súa aposta pola cooperación para afrontar os retos comúns
Alfonso Rueda e Adrián Barbón puxeron en valor o diálogo por riba das diferenzas políticas
O presidente da Xunta insistiu na necesidade de eliminar as peaxes da AP-9, no caso galego, e da AP-66, en Asturias
Os presidentes de Asturias, Adrián Barbón, e da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, coincidiron este martes en destacar os vínculos que unen ás dúas comunidades e os retos comúns que afrontan en asuntos como o financiamento autonómico, a política industrial ou o despoboamento.
Barbón puxo en valor os "vínculos estreitos" que unen ao Principado e a Galicia, "dúas terras irmás" que teñen "moitísima relación en moitos temas", como o reto do despoboamento.
Pola súa banda, o presidente galego destacou os "moitísimos intereses en común" que teñene ambas comunidades, nun contexto "tan polarizado onde parece que é un valor estar enfrontados".
"Moitas veces demos exemplo pola contra e iso chamou a atención", dixo Rueda, quen asegurou que Barbón é un presidente con "os seus principios moi afianzados" e que, máis aló das siglas, pon "por encima de todo os intereses da súa terra".
O mandatario mencionou algúns destes retos comúns, como o impulso do Corredor Atlántico para que o "noroeste non quede desconectado", a política industrial e pesqueira, o financiamento autonómico e o problema do despoboamento.
Tamén se referiu ás peaxes da AP-9 e AP-66, un asunto no que ambas as comunidades están "embarcadas e con moitísima forza" para pedir a súa supresión.
"Hai moitísimas cousas que podemos seguir facendo xuntos sen ofender a ninguén. Por encima de todo está a xente que nos dá a confianza", insistiu.
Os dous mandatarios autonómicos participaron na presentación do libro 'Territorio de encontro. Xestión de asuntos públicos e axenda local', escrito polo exportavoz do Executivo asturiano Guillermo Martínez.