Publicador de contidos

Publicador de contidos

O BCE convoca unha reunión extraordinaria ante turbulencias bancarias

O BCE convoca unha reunión extraordinaria ante turbulencias bancarias

Responsables do supervisor europeo limítanse a dicir que se trata dun encontro para "intercambiar opinións e para informar os membros sobre os desenvolvementos recentes no sector bancario"

Christine Lagarde, presidenta do BCE
EFE 17/03/2023 12:12 Última actualización 17/03/2023 14:54

O Banco Central Europeo (BCE) convocou para este venres unha reunión extraordinaria do consello de supervisión para analizar as turbulencias no sector bancario.

"O consello reúnese para intercambiar opinións e para informar os membros sobre os desenvolvementos recentes no sector bancario", dixo un portavoz citado por medios alemáns.

Xa a comezos da semana houbo unha reunión extraordinaria debido ás turbulencias no sector bancario, que espertan recordos do ano 2008, cando os problemas iniciados nos Estados Unidos desembocaron nunha crise financeira mundial.

Agora nos EUA o banco rexional First Republik entrou nunha situación difícil debido a que os seus clientes retiraron gran parte dos seus depósitos, o que creou preocupación tras o colapso de Sillicon Valley Bank e do Signature Bank.

En Europa tivo problemas o banco suízo Credit Suisse, que recibiu unha inxección de capital do Banco Central Suízo de 50.000 millóns de francos para superar as dificultades de liquidez.

O Credite Suisse é un dos 50 bancos que son considerados de "relevancia sistémica" para o sistema financeiro internacional.

O temor ao contaxio existe, e que se xere unha crise de confianza que leve a retiradas de depósitos, o que podería arrastrar outros bancos.

Nas bolsas europeas, os títulos bancarios cotizan á baixa desde que comezaron as turbulencias.

A pesar da situación crítica, o BCE mantivo este xoves o seu curso de alza dos tipos de xuro e subíaos no medio punto.

A presidenta do BCE Christine Lagarde recoñeceu que uns poucos membros do consello de gobernadores votaran en contra da decisión e preferiran esperar o desenvolvemento da situación no sector bancario.

"Cando a señora Lagarde di que fará o que sexa necesario, danos tranquilidade", di osé Luis Bonet, presidente da Cámara de Comercio de España.

"Estas situacións hai que atallalas de orixe mediante rescates, ben con cargo ao sistema bancario ou ás autoridades monetarias", cre Rafael Calduch, catedrático de Relacións Internacionais.

As turbulencias nos mercados financeiros chegan tamén a España. Os expertos insisten en que os bancos gozan de boa saúde e que os controis establecidos tras da crise de 2008 garanten a súa solvencia.

"Malia as incertezas e a volatilidade encaramos o 2023 con confianza e con perspectivas de crecemento real nos nosos mercados principais", sostén Carlos Torres, presidente do BBVA.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade