Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Barcelona deixa os deberes da Europa League para o Camp Nou

O Barcelona deixa os deberes da Europa League para o Camp Nou

Empatou (1–1) no campo do Eintracht cun gol de Ferran Torres

O único triunfo da ida dos cuartos foi o dos "Guerreiros do Miño" ante o Rangers

G24.gal 07/04/2022 22:34

O Barcelona terá que resolver a eliminatoria no Camp Nou logo do empate no terreo do Eintracht alemán (1–1). A igualada custoulle ferro e fariña ao equipo de Xavi Hernández ante un rival que espremeu as súas virtudes e chegou a ir por diante no marcador durante vinte minutos. 

O primeiro tempo foi de posesión do Barcelona e perigo do Eintracht á contra. A lesión de Piqué foi un contratempo importante para o técnico culé, que meteu no partido a Lenglet. Houbo unha xogada para a polémica en que o colexiado indicou penalti de Busquets e acabou rectificando logo de revisar a xogada. 

Ao pouco de principiar o segundo tempo, o Eintracht lograba o seu obxectivo; adiantouse no marcador cun gol de Knauff. O Barcelona mantivo a súa filosofía e, pouco a pouco, foi arrecunchando os xermanos na súa área. Así chegou o gol de Ferran Torres (minuto 66) nunha fermosa combinación con De Jong. 

O Eintracht acabou con dez e pedindo a hora para buscar a sorpresa no Camp Nou. 

A ida dos cuartos foi a dos empates a un. Así quedaron as eliminatorias entre o Leipzig e o Atalanta ou o West Ham e o Lyon. O único triunfo foi o dos "Guerreiros do Miño". O Braga impúxose ao Rangers cun gol do español Abel Ruíz (1–0). 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade