O Barcelona di adeus ao liderado en Montilivi (2-1)
Un gol do ex do Celta Fran Beltrán, a catro minutos do final, deulle a vitoria ao equipo xerundense
Segunda derrota consecutiva dos culés, que reclamaron falta previa no segundo gol dos locais. Lamine Yamal errou un penalti na primeira metade.
O Real Madrid de Arbeloa é agora o líder da Primeira División
O Fútbol Club Barcelona perdeu o liderado da primeira división tras caer derrotado en Montilivi ante o Xirona (2-1). Os de Flick concederon moito en defensa, como é habitual nas últimas xornadas, e sumaron a súa segunda derrota consecutiva.
A primeira metade foi de dominio alterno con chegadas para ambos os equipos. As dúas máis claras foron para o Barça ambas no treito final da primeira metade. Raphinha toparíase co pau da portería de Gazzaniga nun disparo desde a frontal e na prolongación Lamine Yamal repetiría remate no mesmo pau nun lanzamento dun claro penalti cometido por Blind sobre Olmo.
Na segunda metade seguiu o mesmo guión de partido. Os blaugrás adiantáronse no marcador cun gran remate de cabeza de Cubarsí a centro de Koundé. Pero acto seguido empatou o equipo local tras unha incursión de Vanat que remachou na área pequena Tomas Lemar. Os de Flick foron polo triunfo pero o equipo de Michel contraatacaba con perigo. Joan García evitou en varias ocasións o segundo dos locais ata que a catro minutos do final non puido cun disparo de Fran Beltrán desde a frontal. Os xogadores do Barça protestaron moito a acción por unha falta previa sobre Kounde, pero nin o colexiado Soto Grado nin o VAR consideraron ilegal a acción de Echeverry sobre Kounde.
Na prolongación chegaría un gol de Lewandoski pero era anulado por un claro fora de xogo. O partido remataría cunha tángana entre xogadores dos dous equipos tras unha dura entrada de Joel Roca sobre Lamine que supuxo a expulsión do xogador local.