O auxe do tren dispara a demanda de taxis na estación de Ourense
O AVE e o abono gratuíto de media distancia tiran da demanda de taxis
En momentos puntuais fórmanse longas colas de espera na parada
O sector pide unha bolsa de taxis e unha marquesiña para os clientes
Nos últimos meses, o número de pasaxeiros na estación de tren de Ourense medrou exponencialmente. O AVE e a gratuidade da media distancia nótanse nas plataformas e tamén na parada de taxis, que, por momentos, queda desbordada.
"Medrou a demanda moito, pero os problemas son puntuais e se producen cando se atrasa algún tren e coinciden tres chegadas ao mesmo tempo. Aquí poden chegar xuntos o de Madrid, o de Barcelona e o de Coruña", explica Francisco Javier Álvarez, presidente da Asociación Provincial de Taxistas de Ourense
É neses momentos no que coinciden as chegadas nos que os 15 taxis que collen na parada non dan feito e comezan as colas e as esperas para os clientes. Din os taxistas que as 106 licenzas da cidade abondan, pero para evitar tapóns en horas punta cómpre habilitar unha zona para taxis de reserva.
"O normal sería facer unha sinalización aquí para facer unha bolsa de taxis, dentro ou fóra dos bolardos, para cando repunta a demanda podan estacionar algúns taxis máis", reclama Francisco Álvarez.
Hai proxecto de cubrir a parada, pero polo momento os clientes teñen que agardar á intemperie. Motivo que fai aínda máis incómoda a espera para taxistas e viaxeiros, que piden tamén a instalación dunha marquesiña provisional.