Vitoria con sufrimento do Atleti en Eindhoven (2-3)
Os colchoneiros comezaron perdendo, remontaron e remataron pedindo a hora ante o asedio holandés
Julián Álvarez, Sorloth e Hancko foron os goleadores dos de Simeone
@Atleti
O Atlético de Madrid logrou unha remontada indispensable na carreira polo ‘Top 8’ da Liga de Campións, que incluíu un tramo final de moito sufrimento e que non rematou en empate de milagre.
Non comezou ben o partido o equipo colchoeiro que vía como moi cedo se adiantaba o PSV tras unha xogada mal defendida por Nahuel Molina que aproveitaría Til para anotar o primeiro gol do partido. Sorloth tivo o empate pero picou en exceso o seu remate de cabeza tras un bo centro de Julián Álvarez. Seguiría buscando a igualada o Atleti que a acadaría tras un bo roubo alto de Giuliano Simeone que aproveitaría Julián Álvarez tras asistencia do noruegués Sorloth.
No inicio da segunda metade chegaría o gol da remonta madrileña. O eslovaco Hancko colocaba o 1–2 ó aproveitarse dun rexeite do porteiro holandés tras un duro remate de Molina. E pouco máis tarde chegaría o terceiro cunha contra de libro levada entre Julián Álvarez e Pablo Barrios e culminada cunha cacholada de Sorloth. Semellaba a sentenza o choque pero no treito final do partido, no minuto 83, reducían diferenzas os de Eindhoven cun gol do norteamericano Ricardo Peppi despois dun saque de esquina. De aí o final, sufrimento e resistencia dun Atlético de Madrid que se temeu o peor cando Obispo non soubo resolver a porta baleira un centro de Perisic.