Publicador de contidos

Publicador de contidos

O asasino de Vanessa esperou por ela toda a mañá ás portas do cámping de Oia

O asasino de Vanessa esperou por ela toda a mañá ás portas do cámping de Oia

A escopeta utilizada no asasinato, e coa que despois se quitou a vida, era ilegal xa que estaba sen rexistrar

A pesar de que o autor deste crime fora detido no mes de abril e pasou a disposición xudicial tras unha denuncia por violencia machista, non chegara a celebrarse un xuízo rápido, xa que faltaban informes e decretouse a orde de afastamento

G24.gal 05/06/2023 12:54 Última actualización 05/06/2023 21:08

O axente da Garda Civil que o sábado pasado matou a tiros a súa exparella ás portas dun cámping en Oia estivo toda a mañá esperando a que ela saíse sentado no interior dunha furgoneta.

Así o confirmou este luns a directora do cámping O Muíño, Beatriz González, que describiu como “unha situación moi dramática” a vivida neste municipio do Baixo Miño.

“Unha furgoneta estivo ao longo da mañá na entrada do cámping, si, varias persoas vírona”, dixo González.

A escopeta que empregou no asasinato estaba sen rexistrar e, polo tanto, era ilegal, segundo explicou este luns o delegado do Goberno en Galicia, Xosé Ramón Gómez Besteiro.

Vanessa morreu a mans da súa exparella. Agardouna á saída do traballo e disparoulle varios tiros. O asasino, garda civil en Baiona, tiña retirada a arma regulamentaria e ao parecer cometeu o crime con esa arma sen rexistrar.

Despois fuxiu a un monte próximo onde foi localizado polos seus compañeiros que despregaron un amplo dispositivo para acurralalo. Horas despois suicidábase coa mesma arma.

Este luns tamén e soubo que o 5 de abril pasado o asasino fora posto disposición do xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo, tras a súa detención por unha denuncia interposta pola vítima. Nese momento acordouse a súa posta en liberdade, e unha orde de protección para a muller.

Segundo precisaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), non se celebrou ningún xuízo rápido. A vítima relatou dous episodios de violencia de xénero, pero o xulgado non dispuña dos informes necesarios.

Explican desde instancias xudiciais que polas circunstancias non podía haber un xuízo rápido, por estar denunciados dous feitos separados e por non estar a proba pechada e a disposición do xulgado. Con todo, insisten, si se lle prohibiu achegarse ou comunicarse coa súa exparella.

As mesmas fontes explicaron que o Xulgado de Vigo inhibiuse en favor do Xulgado de Instrución número 1 de Tui, que leva asuntos de Violencia sobre a Muller, ao residir a vítima nese partido xudicial.

No xulgado tudense incoáronse dilixencias e requiriuse á muller para que achegase o parte de lesións que faltaba, documentación que foi achegada o 23 de maio pasado, e remitida ao día seguinte ao Instituto de Medicina Legal de Galicia.

Por outra banda, explicaron fontes xudiciais, a letrada de Ana Vanesa solicitoulle ao xulgado de Tui o 23 de maio que a muller puidese acceder ao domicilio do investigado para poder recoller as súas cousas. O xuíz acordouno ao día seguinte, indicado que iría auxiliada por axentes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado "para garantir a súa seguridade".

En menos de dous meses os axentes practicaran 56 intervencións para protexer a vítima nun caso cualificado policialmente de risco medio. Seguimentos, entrevistas e outras medidas que non evitaron o tráxico desenlace do pasado sábado, ás portas do cámping de Oia.

Segundo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o asasino de Vanessa non levaba pulseira de control telemático porque ninguén o pediu.

Silencio e aplausos para despedir a Vanessa

Este luns, os veciños da Guarda, onde Vanessa vivira, precisamente co que foi o seu asasino, gardaron un minuto de silencio na súa memoria.

A concelleira de Igualdade, Fátima Rodríguez, dixo durante o acto que "o seu asasino empeñouse en tomar importantes decisións por ela, non viaxaría máis, non sorriría máis... Tivo o gran poder de decidir que non viviría máis. Rouboulle a súa segunda oportunidade, rouboulle a vida".

Ao rematar a concentración, os aplausos romperon o silencio, entre os rostros emocionados dos que se achegaron ata a praza do Concello.

Tamén a Xunta de Galicia, o Parlamento e a Delegación do Goberno, amais doutras moitas institucións ao longo do país, gardaron un minuto de silencio en repulsa deste asasinato machista.

Xunto ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ante o edificio administrativo da Xunta, en San Caetano, estivo o vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, e varios conselleiros entre os que estaba a responsable de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana.

Minuto de silencio ante a sede da Xunta (EFE/Xoán Rey)

A Xunta pide revisar erros na protección de vítimas

Tras o acto, Lorenzana expresou "o máis firme rexeitamento" da Xunta por este novo crime e manifestou que é "intolerable" calquera tipo de violencia machista, á parte de trasladar o agarimo e apoio á familia e achegados da vítima.

A Conselleira de Igualdade instou a revisar os erros do sistema de protección ás vítimas da violencia machista.

"Hai que dilucidar este crime e tamén sacar as consecuencias correspondentes para corrixir os erros que puideran suceder", afirmou.

Lorenzana mostrouse convencida de que tanto os corpos policiais como o sistema xudicial traballaron "da mellor maneira posible", pero cre evidente que hai que seguir "afinando" a colaboración entre administracións e o sistema contra a violencia de xénero porque "aquí é obvio que fallou".

Actos de repulsa e de apoio á familia da vítima aos que se sumaron ao longo da mañá outros concellos e institucións. Para esta tarde a Marcha Mundial das Mulleres tamén convocou concentracións en diferentes localidades galegas.

Pola tarde fixéronse concentracións de repulsa en máis de corenta concellos de toda Galicia convocadas polo movemento feminista e a Marcha Mundial das Mulleres. En todas se gardou un minuto de silencio por Vanesa e reclamáronse medidas máis eficaces para loitar contra a violencia machista e os feminicidios.

A Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero confirmou este luns como crime machista este asasinato, o que eleva a 21 o número de mulleres asasinadas en España este ano a mans das súas parellas ou exparellas, dúas delas en Galicia.

Son xa 1.205 as vítimas mortais da violencia machista desde que comezaron os rexistros en 2003.

A Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero confirmou este luns como crime machista este asasinato, o que eleva a 21 o número de mulleres asasinadas en España este ano a mans das súas parellas ou exparellas, dúas delas en Galicia.

Son xa 1.205 as vítimas mortais da violencia machista desde que comezaron os rexistros en 2003.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade